Lingua ou metáfora do país suicida

Xosé Carlos Caneiro < / span>

OPINIÓN

21 dic 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

En 1924 publicouse un relato perturbador de Franz Kafka: Un artista da fame. O argumento perfila un home que se exhibe nunha gaiola. Non come. Cada día máis enfraquecido, anatómico, velaquí o seu atractivo. O público non se interesa por el. O artista desnutrido morre. O seu lugar é ocupado por unha pantera que gozará do éxito do que careceu o decadente artista da fame: os espectadores arrimábanse contra a gaiola e non querían separarse.

Faleilles dese conto ás miñas fillas, dezaseis e trece anos. Fronte delas, o mundo. Mirándoas preguntábame se a lingua na que creceron ha de perdurar. Cóntanme que é difícil nos seus círculos encontrar compañeiros galegofalantes, parece que senten vergoña de comunicarse en galego. O castelán semella máis sedutor.

Dígolles a miúdo que a cultura e a lingua son o noso maior patrimonio: iso que en verdade nos enriquece e distingue. Certo. O idioma é parte fundamental, capital (no significado materialista), da nosa identidade. Sen idioma non somos. Pero o instinto suicida lévanos a minimizalo. Forma parte da nosa particular e autodestructiva idiosincrasia: devastarnos. As uralitas, os montes incendiados, o desapego pola beleza natural, o urbanismo de «azulejo». Non nos queremos.

Resulta paradóxico que no tempo en que o galego está máis protexido administrativamente, decaia. A análise é, sen dúbida, multifactorial. En 1992 máis do 60 % da poboación aprendía a falar en galego; no 2004, só o 20%. A progresión inversa continúa dez anos despois porque a transmisión familiar esmorece. O dano que provocou o franquismo no galego foi inmenso: corenta anos equiparables cos séculos escuros. Arrebatounos a autoestima. Roubounos prestixio e orgullo. Pero estamos a tempo de revivirnos.

Para iso é necesario non desperdiciar vigor -como fixemos durante anos- en normativizar, discutindo grafías, para profundizar no perentorio: a normalización. Facer país. Distanciármonos da ritualización da lingua: un uso litúrxico, antinatural, que resulta devastador (o Parlamento é paradigma desa banalización idiomática). Non converter o idioma en artefacto político: en realidade ninguén fai máis dano ao galego que os que se intentan apropiar del. Os sectarios que negan a realidade bilingüe e exercen un talibanismo cultural que aniquila toda discrepancia, ou sexa, toda liberdade. Os que escusándose na defensa da lingua, fomentan a inquina.

Estamos a tempo de negar o estigma da autodestrución. Hai motivos. Da lírica medieval á Esmorga cinematográfica. A literatura poliédrica, hercúlea. As escolas. Os intelectuais, científicos, empresarios que presumen de Galicia. O galego é Galicia. Melódico, harmónico, amable. Útil porque nos relaciona coa lusofonía. Distínguenos como país: fainos heterodoxos nun mundo cada vez máis uniforme.

Amemos o galego, sen prexuízos. Practiquémolo, con afán. Porque sen idioma propio, Galicia non existirá. Ha de fenecer desnutrida e triste. Como aquel personaxe, suicida, de Kafka.