Adentro

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Perdemos tanto tempo en evitar a parte mala da vida que, en ocasións, perdemos tamén a parte boa. Vaise. Preocupámonos en exceso polo que non merece preocupación. Desconfiando e desconfiados. Perdemos tanto tempo reproducindo a banda sonora dos perversos (hora por hora) que esquecemos o himno á alegría: esa dama que perseguimos entre escombros. Ocultámonos, enmascarámonos, baile de carnaval perpetuo onde o interior permanece invisible: prohibido pasar. Pensamos que perdemos cando non alcanzamos éxito. Cando eliminan opcións, sen decatármonos que somos nós os que non eliximos. Escolle o teu camiño, cómplice. É imposible que en todos os cruces non encontres unha dirección, ou un sentido. Non pares. Non te lamentes. Non te resignes. O que importa, importa só porque nos fai mellores (nin máis ricos, nin magníficos, nin príncipes electrónicos). Adentro, adentro, íntimo. Non lle poñas tacóns ao teu corazón, el só é quen de alzarse ou empequenecer, invisibilizarse incluso. Non nades só na superficie: en todos os océanos os tesouros están no fondo. Tocounos vivir un tempo gris, medionegro, Titanic. Procuramos o paraíso e encontramos infernos. Pero hai un lugar de ti que non permitirá que entren en disputa as disputas externas. Un lugar onde o poder non ten poder. Procura ese lugar. Búscate no profundo, non nos expedientes burocráticos que pretenden delatar a túa identidade: un número. Un é feliz (ou non) no recóndito. Está pasando o ciclón da outonía, por fóra. Pero adentro ti estás (debes estar) bailando un baile alegre cos días. Sei que entendes o que escribo. Ti a favor de ti. Non perdas o tempo intentando evitar a parte mala da vida. Adiante. Digo e quero dicir, adentro.