Non hai caso Errejón, non o hai

Joaquín Lado TRIBUNA CATEDRÁTICO DE ENDOCRINOLOXÍA DO TEXAS TECH UNIVERSITY HEALTH SCIENCES CENTER

OPINIÓN

25 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O bipartidismo vixente no Estado empeza a afundirse. As enquisas deixan claro que o PSOE non vai levantar cabeza por mais que renovara o secretario xeral; elixiron a Pedro Sánchez, un home alto e que gusta de berrar, pero de pouca altura e voz para convencer á xente. O PP perde a maioría absoluta, o que significa o afundimento da dereita por anos. Rajoy, o home que elixiu ser serio, non puido elixir algo que en tempos de zozobra é máis importante, o carisma, algo que nin Rajoy nin o seu Goberno teñen; xa sabemos que gobernar á xente é moito máis que ser serios. Os outros partidos xa non existen de feito.

As mesmas enquisas encumian a Podemos, a idea dun grupo de universitarios que, usando de forma moi efectiva os medios de comunicación, xa cambiou o panorama politico. O proxecto Podemos prendeu na sociedade española como consecuencia da nefasta forma de facer política dos partidos á vella usanza, de todos. A maioría dos españois están fartos do espectáculo que están a dar estes partidos, e moitos cidadáns están dispostos a darlle o voto a Podemos. Non hai volta atrás, os partidos non teñen agora a capacidade de rexenerarse nunha estrutura que represente de verdade ás bases sociais nas que se basearon e que os debería de votar, e a maioría da sociedade civil xa non está disposta a pasar unha máis. Intentar agora desacreditar a Podemos a través do contrato por servizo de Errejón é, ademais de ridículo, non entender nada do que está a pasar, de aí o de seguir co triste argumento «y tú más».

Non se trata de que Podemos, que non é máis -nin menos- que unha idea tomando forma de proxecto, teña varios tipos máis ou menos listos ou mesmo listillos no seu paritorio, senón que se trata da forma en que viviron e viven os políticos e os partidos, do alonxamento e incapacidade de facer política para a xente, ademais da falta de vontade e posibilidade real de limpar toda a morralla subida no seu carro.

O feito de que un medio de comunicación trate de estigmatizar a Errejón, e con isto a Podemos, porque teña un contrato a cargo dun proxecto de investigación no que se esixe unha dedicación de 40 horas, pero que tanto o seu director como o propio contratado deciden que non ten que estar as 40 horas nun despacho dunha determinada facultade, só indica que os acusadores non entenden nada da vida universitaria e que os partidos celebrantes do feito están moi nerviosos.

En investigación, sexa universitaria ou non, do que se trata é de facer avances significativos e clarexadores, con independencia de onde estea o investigador. Kary Mullis, premio Nobel de Química de 1993, se en vez de estar de noite coa moza no monte, estivera no seu despacho é posible que non tivera a idea xenial de descubrir a PCR, técnica que revolucionou a bioloxía molecular para sempre.

Por iso non enganen a ninguén, non hai caso Errejón, e os partidos políticos mellor farían en facer catarse, acercarse a sociedade, se queren ter algo que dicir no futuro próximo.