Arquitectura que se derruba

María Canosa< / span> PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez, a Universidade da Coruña pechaba a súa matrícula sen cubrir as prazas do grado de Arquitectura, Arquitectura Técnica, ou Enxeñaría de Obras Públicas. As arquitecturas derrúbanse. E a alguén lle sorprende? A min, en absoluto. Os futuros profesionais elixen a súa formación tamén en función do que lles vai dar de comer. Para que sacrificar parte da mocidade estudando algo que non nos vai reportar beneficio? Haberá quen o intente igualmente, pero moitos decidirán probar noutras opcións.

A realidade dos tempos manda. Non creo que sexa pola publicidade negativa, como afirma o vicerreitor de Títulos, Julio Abalde.

É unha pena que non estudemos o que nos gusta, senón aquilo que nos dará de comer. Pero é así. E é máis, paréceme razoable.

E mentres a xuventude se adapta aos tempos difíciles, os casos de corrupción seguen a aumentar. A sociedade agarda por un pacto anticorrupción, pero no seu lugar, o acordo ao que se chega, sorprendentemente á velocidade do lóstrego, é a ocultar as viaxes dos deputados.

Se abro máis os ollos, sáenseme. Rapaces mozos son quen de ver o seu futuro incerto, e actuar en consecuencia. E as grandes forzas políticas non son quen de entender o que reclama o seu electorado, que é transparencia e responsabilidade. Incrible. Tremendamente incrible.

Esta arquitectura si debera derrubarse.