Manuel Gómez Román

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

23 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana clausuramos na Fundación Penzol, en Vigo, a exposición conmemorativa dun dos arquitectos máis representativos da Galicia das primeiras décadas do pasado século, nos anos 20 e nos anos 30 sobre todo. O pasado 11 de novembro cumpríronse 50 anos do pasamento de Manuel Gómez Román (1876-1964). Xaime Garrido González e Xosé Ramón Iglesias estudaron con atención a súa obra (Xerais, 1995), cun limiar de Francisco Fernández del Riego que sitúa a figura do arquitecto no marco do compromiso co galeguismo: entre outros cargos chegou ser secretario do Partido Galeguista na clandestinidade nos primeiros anos da ditadura, director do departamento de Arquitectura e Tecnoloxía do Seminario de Estudos Galegos, candidato á alcaldía de Vigo pola Fronte Popular nas eleccións municipais de 1936, que non chegaron a celebrarse, etcétera. Despois da guerra civil participa na creación do Patronato Rosalía de Castro e seu é o primeiro proxecto de recuperación da casa de Matanza en Padrón. Na fotografía fundacional da Editorial Galaxia en Compostela (1950) aparece de pé ao carón de Otero Pedrayo: lanzal, elegante, discreto.

Poucos vigueses saben, cando pasean as rúas da cidade, que algúns dos edificios máis significativos da gran capital industrial das rías son de Manuel Gomez Román: o edificio Simeón na Porta do Sol (1907-1911), o edificio do Banco de Vigo, despois Banco Pastor, entre Policarpo Sanz e Colón (1918-1923); a Panificadora na rúa Falperra (1923), a fábrica de conservas de Alfageme en Bouzas (1928), o monumento funerario a Concepción Arenal en Pereiró (1910-1912), o monumento á Mariña Mercante en Monteferro (1924-1928), o edificio de Correos e Telégrafos na praza de Compostela (1920-1928), este último en colaboración con Luis Vidal e Tuasón, por citar só algún casos notables.

Despois da guerra, onde librou a vida de milagre, por intercesión de familiares e amigos, aínda levantou a ermida do monte da Guía en 1951, e noutros lugares de Galicia: a Escola Fingoi en Lugo, ou o proxecto de paraninfo da Universidade de Santiago, no campus sur, que a miña xeración coñecía coma Ximnasio Universitario?

Unha das creacións máis admirables, que eu descubrín da man de Fernández del Riego e que no 2006 publicou a Deputación de Pontevedra, foi o que el chamaba «arquitectura de papel» ou «arquitectura imposible». Imposible polas circunstancias posteriores ao levantamento dos militares facciosos: unha sede para a Real Academia Galega, outra para o Seminario de Estudos Galegos, a casa de Castelao (reproducida en A Nosa Terra nos anos 20), a casa do seu amigo Laxeiro, unha posible Escola de Belas Artes, proxectos de edificación civil ou privada. Son máis de 40 debuxos a plumilla, coloreados nalgúns casos a lapis.

Na exposición que comisariaron Marián Vidal e Francisco Domínguez, a partir dos fondos depositados na Penzol e outras achegas da familia, puidemos viaxar polos soños do artista e o galeguista. Polos soños e pola realidade, que hoxe adorna a fasquía máis sobranceira da cidade de Vigo.