Os óvulos de Silicon Valley

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Mónica de Oriol é empresaria e nai de seis fillos. Non é por quitarlle mérito, pero sosteño que algo tivo que ver en tamaña sorte o apelido, as criadas e a proximidade familiar ao poder nas últimas seis décadas. Ela di que non contrata mulleres fértiles, algo polo que foi criticadísima e que eu relativizo porque penso nas maiores de 45, con problemas de cualificación laboral, que serán recibidas cos brazos abertos nas empresas de Oriol nas que puntúa no currículo posuír ovarios improdutivos. Se Mónica de Oriol ofrecese ás mulleres fértiles conxelar os óvulos como fan en Silicon Valley, parecería tan progre...

¿Que queremos, ser nais ou ter unha carreira laboral? A posibilidade de romper esa disxuntiva é directamente proporcional ao nivel de ingresos da traballadora. No mundo posmoderno a supervivencia das clases amósase nestas minucias do capitalismo que zampa as vidas das traballadoras coma se o máis normal fose conxelar os óvulos para poder traballar.

Claro que as disxuntivas teñen ida e volta. ¿Por que é tan malo renunciar á maternidade para ter unha carreira? ¿Detrás de tanta mitificación da maternidade non estará unha vella idea machista pola que o que se espera das mulleres é que a súa realización emocional e intelectual sexa a través da maternidade? ¿Non é mellor que non renunciemos á maternidade para que traballemos a media xornada, deixemos o traballo, lles deixemos a eles os nosos codiciados postos e os agardemos, amantísimas, na casa? Poucas veces reparamos no que nos prexudica tanta falacia maternal, e por iso non deixo de pensar que eles, que tamén son pais, non se cuestionan estas cousas. E chegan a xefes.