Badueiros televisivos

OPINIÓN

20 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

P or razóns que non veñen a conto, nestes días non me foi posible deixar de ver e escoitar eses programas de televisión que poñen a carne de galiña: nada hai neste país que poida competir con eles en ignorancia e falta de estilo. Os participantes, máis ca seres humanos, semellábanme cuadrúpedes.

Diante daqueles espectáculos -porque iso orixinaban os que interviñan a berros, xesticulando e dicindo vulgaridades-, lembrei unhas xustas palabras de Azaña: que se os españois falasen só do que saben, produciríase un silencio xeral que se podería aproveitar para pensar. A cita non é literal, pero penso que recolle con fidelidade a frase a que me refiro.

Naturalmente, falábase (sería máis exacto dicir que se berraba) de Cataluña e do ébola: nunca tantas parvadas oín, nunca tanta xente xunta tratando de confundir visceralidade e opinión, nunca tanta ignorancia chulesca, agresiva e vociferante. E común a todos estes foros era falar máis alto que os demais e responder calquera cousa con tal de facer barullo e non estar calados. ¡Pouca vergonza que teñen algúns!

Un non entende -un vai entendo menos cada vez- como se poden tirar tantos cartos en embrutecer á xente con estes espectáculos impropios de seres racionais cando tan fácil sería, con parello investimento, educala, cultivarlle o bo gusto, predispoñela para a convivencia civilizada ou, en xeral, para redimir un pouco ao ser humano da súa escuridade biolóxica. Pero iso non interesa.

Á vista deses espectáculos un ten dereito a pensar que hai xentes que coidan que é bo negocio facer todo o posible para que regresemos á nosa orixe. Bioloxicamente non é posible; pero si que o é que nos embrutezan ata lindes que nin sequera podemos sospeitar. Ao menos niso si que estamos progresando.