A política é outra cousa

OPINIÓN

15 sep 2014 . Actualizado a las 10:49 h.

S eguro que non se coñece na historia de Unión Europea unha incidencia como a da pretensión de nomear a De Guindos presidente do Eurogrupo, sen falar antes co seu titular, ao que aínda lle quedaban seis meses de mandato e tiña, e ten, a posibilidade de se presentar á reelección. Custa admitir que tal cousa fose posible.

A política con Cataluña redúcese ao «portazo», termo que expresa con contundencia a falta da elemental elegancia que as boas relacións esixen. Da mesma maneira o recurso de que cómpre aterse á CE porque noutro caso entramos na ilegalidade equivale a non falar, ao «portazo» unha vez máis. Sen falar ninguén coñece que exista ningunha maneira de facer política. Non falar é non querer facela.

O triunfalismo que exhibe o Goberno en todos os seus actos, maiormente en materia económica, é outra maneira de eludir o diálogo e de, asemade, ocultar o que, ao parecer, vai sendo evidente: que estamos entrando nunha terceira recesión. Se isto é así, como infelizmente parece que é, sería agora a ocasión de informar á sociedade, de falar coas demais forzas políticas e de arbitrar solucións, conxuntas ou non.

Son tres casos os escollidos, entre os moitos que podería sinalar, do medo a falar deste Goberno. ¿Pero hai algunha outra maneira coñecida de facer política? Pois claro que non. Os gobernantes que temos deben de pensar que abonda con exercer a maioría absoluta de que dispoñen: dispensa de falar e aínda tamén de pensar.

Todo isto explica que aqueles se nos aparezan máis afastados cada día da realidade. Porque de certo ese é o problema: afástanse para non falar, para viviren illados nas súas illas, para non saber nada da realidade máis viva. É moi cómodo. Pero politicamente é a negación da política. Esta é outra cousa.