Independencia e prezo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

15 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Á vista das enquisas sobre a independencia de Escocia, podemos preguntarnos se os partidarios do si coñecen e asumen as consecuencias económicas da separación. E o dito para Escocia vale para Cataluña, porque, aínda que as diferenzas entre ambas as dúas son grandes, as similitudes son suficientes para sacar conclusións do que alí está a suceder.

É posible que as declaracións de amor a Escocia de Cameron contribuísen a frear a escalada do si, pero máis ben parece que o fixeron a declaración do Banco de Inglaterra de que non ve viable manter a libra nunha Escocia independente, e o anuncio de tres importantes bancos de que trasladarán a súa sede a Inglaterra se triunfa o si. De feito, xa se constatou unha fuga de diñeiro e centos de millóns de libras saíron de Escocia buscando un refuxio máis seguro. A Sean Connery non o vai empobrecer a independencia, pero a moitos dos seus admiradores, si.

No noso país unha iniciativa como a de Cameron resultaría inútil e ridícula. Pero insistir nas desastrosas consecuencias económicas que tería a independencia -xa que os independentistas insisten en negalas- quizais tería o mesmo resultado de freo que en Escocia.

Se non é así, só nos queda confiar na eficacia desas medidas que Rajoy asegura que ten listas para impedir a consulta soberanista. ¡Que Deus nos colla confesados!