Expectativas

Francisco Rego TRIBUNA ABERTA

OPINIÓN

15 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A estas alturas algunhas adegas están a vendimar ou van facelo de contado. As viñas situadas en mesoclimas de influencia atlántica, como é o caso das galegas, teñen aptitudes para producir caldos de excelente calidade. Pero non sempre as cousas se poñen de cara. Existen incidencias que supoñen custos e incómodos, como as choivas persistentes ou inoportunas en primavera e verán que, en canto levantan, obrigan a aplicar tratamentos para evitar que as doenzas se apoderen da viña. Malia estas molestias, que os viticultores son expertos en gañar, as nosas viñas teñen moito a favor: un ambiente doce, ameno, que contribúe a unha maduración calma que dará lugar a viños ben terminados e de extraordinaria finura. Se é certo que nesta campaña, especialmente nalgunhas zonas, as choivas de verán foron algo máis xenerosas do que deberan, tamén o é que contribuíron a un bo desenvolvemento foliar. Consecuencia disto hai unha alta actividade fotosintética e as follas están a trasladar moito azucre aos acios. Aconteceu algo semellante nalgunhas campañas pasadas nas que os veráns non foron excesivamente quentes. Daquela houbo tamén moita superficie de folla, que vindo un bo inicio de outono, serviu para dar lugar a uns caldos moi delicados e de bo grado. As perspectivas son boas, especialmente se o setembro continúa a comportarse como o está a facer nestes días.