«Bullets and burguers»

OPINIÓN

03 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns días escribía sobre como se pode educar un pobo, e á vez, podía ler unha desgraza ocorrida nunha sociedade que, en certos aspectos, ten pouco que ver coa nosa, aínda coetáneas. Alégrame que no noso país non se faga un uso das armas tan laso coma noutros lugares. Xa todos estamos a pensar en EE. UU., e por desgraza, non erramos. Semella que o uso das armas ten a mesma responsabilidade que o de engulir hamburguesas, e é que precisamente o lugar onde tivo lugar a traxedia que me ten a cabeza ocupada dende hai días, chamábase Bullets and Burgers (Balas e Hamburguesas), pois funcionaba a partes igual coma campo de tiro e restaurante de comida rápida.

Unha nena, ao parecer despois de recibir a cambio da comida un vale para o campo de tiro, estaba co adestrador de armas. Tiña só nove anos. Creo que nin sequera era consciente do que levaba nas mans. Debeu perder toda a infancia que lle quedaba cando se lle descontrolou a arma e un dos proxectís segou a vida do instrutor.

¿Poden imaxinar o cargo de conciencia que non se lle vai borrar na vida? Ela era unha nena inocente que simplemente fixo o que tantos pícaros da súa idade, nunha sociedade no que ese comportamento é habitual.

¿Quen lle vai axudar agora a sobrevivir a semellante experiencia? ¿Quen borrará as pegadas que vai deixar, inevitablemente, na súa vida? Condicionará o seu futuro, sen dúbida.

Pobre cativa. Oxalá nunca unha hamburguesa puidera converterse no primeiro paso dunha licenza para matar.