Concurso de traslados e legalidade vixente

José Manuel Pinal Rodríguez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

01 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A pesar da variedade de opinións e posturas que calquera pode manter como tertuliano, o certo é que calquera decisión administrativa, como a que afecta ao concurso de traslados, produce inevitablemente prexudicados e beneficiados. E o que se lle debe esixir á Administración nestes casos é que actúe a prol dos intereses xerais e tome a súa decisión cos coñecementos dos que dispón nese momento.

O concurso de traslados para persoal docente da Comunidade Autónoma galega fíxose tendo en conta, en primeiro lugar, que non se rexía por ningunha normativa estatal vinculante. Tívose tamén moi presente o principio de non discriminación establecido pola UE na súa directiva 1999/70/CE segundo o cal non se pode tratar de maneira menos favorable aos traballadores con contrato temporal que aos fixos. A convocatoria asumía, ademais, o feito de que nos concursos de traslados do persoal da Administración Xeral e do Sergas, xa se estaban a puntuar os servizos interinos. No primeiro caso dende 1991, é dicir oito anos antes da norma europea. Finalmente, entendíamos que había que acatar varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea nas que se ditaminaba que se estaba a incumprir a directiva en materia de trienios, sexenios e promoción interna, sobre os que se sucederon decisións administrativas e mesmo sentenzas de carácter contraditorio.

Por todo o anteriormente exposto, dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pareceunos razoable propoñerlle á mesa sectorial docente aplicar unha baremación que computara aos funcionarios de carreira, os servizos prestados como interinos, porque esta opción era a que parecía ofrecer unha maior seguridade xurídica. A proba de que debíamos estar no camiño correcto foi que nesa mesa sectorial todas as organizacións sindicais saudaron positivamente que na baremación se tiveran en conta os referidos servizos e non fixeron proposta algunha.

Porén, e como é sabido, o xulgado do contencioso administrativo número 2 de Santiago ditou un fallo no que obrigaba a rebaremar o concurso de traslados, sen ter en conta os servizos prestados como funcionarios interinos. A Consellería que, en calquera caso, lamenta os inconvenientes ocasionados, decidiu entón non impugnar a decisión do xulgado pero obviamente non puido impedir que contra dita sentencia se presentaran varios recursos que impedían -e aínda impiden- que aquela sexa firme.

Posto que hoxe empeza oficialmente o curso académico e o 10, as clases de educación infantil e primaria, e coa finalidade de garantir o interese xeral de que o curso comece con absoluta normalidade, a Consellería procedeu a comunicar ao persoal que obtivo destino no concurso de traslados que deberá tomar posesión o 1 de setembro, aínda que esta quede condicionada ao que resulte das futuras sentenzas.

A Consellería está a realizar todas estas actuacións posto que esperar á decisión do xulgado sobre a execución provisional da sentenza no mes de setembro impediría o normal inicio do curso académico, provocando un gravísimo prexuízo ao interese xeral. En calquera caso, un informe da Asesoría Xeral da Xunta de Galicia lembra que «esta actuación non implica contradicir os pronunciamentos das sentenzas, dado que non son firmes e aínda o xulgado non se pronunciou sobre a súa execución provisional» e «resulta obvio que a Administración deberá estar ao que se dispoña polo órgano xurisdicional».

Polo demais, a paralización do concurso é inviable desde o punto de vista xurídico porque os actos administrativos teñen efecto mentres a sentenza non sexa firme. Para impedilo cumpriría declarar, mediante procedemento xudicial, que se trata de algo lesivo para os intereses xerais. En definitiva, adoptouse a decisión tecnicamente correcta, á vista, tanto do informe do Valedor do Pobo, como da xurisprudencia xerada ata o momento de tomar a decisión, ou as actuacións administrativas que, como o pago de trienios ou sexenios ao persoal interino, gardan afinidade coa mencionada decisión. Compre lembrar que o Valedor ditaminara o pasado mes de maio que os argumentos da Consellería neste asunto resultaban xuridicamente impecables, e descartaba expresamente a comisión de calquera tipo de irregularidade ou arbitrariedade por parte da Xunta.

En definitiva, se a Consellería tivese paralizado o concurso, en lugar dun 20 % de afectados pola sentenza, converteríanse en afectados todos os adxudicatarios de praza, é dicir, máis de 1.600.