Maxia e esconxuros

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

29 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O político italiano que chamou orangután a unha ministra crese vítima dun maleficio, e visitantes do xacemento arqueolóxico de O Facho, en Cangas, dedícanse a facer torres votivas coas pedras de antigas construcións. Canto menos relixiosa é unha sociedade ou unha época, máis proclive a entregarse a toda clase de prácticas esotéricas; as relixións canalizan o noso desexo de pervivir e os nosos medos.

O político Calderoli insultou á ministra, e o pai dela, no Congo, fixo unha danza tribal cunha foto do político, non para facerlle mal, dixo, senón para libralo das malas palabras e pensamentos. Pero, dende entón, a Calderoli amoréanselle as desgrazas: accidentes con rotura de ósos e ata unha serpe paseándose pola súa cociña. A parte boa do asunto é que Calderoli, e quizáis algúns máis, pensarano dúas veces antes de volver a insultar a unha persoa de raza negra.

O comportamento dos turistas de O Facho é só un exemplo de egoísmo e barbarie. Pode tratarse dunha vella tradición: ponse unha pedra e faise unha petición, igual que se pon unha vela nunha altar. Ou quizá obedece ao desexo de deixar constancia do seu paso por aquel lugar, ou sexa, de pervivir na presenza daquela pedra, igual que mediante o nome gravado nos cantís da praia das Catedrais. Iso supón destruír un antigo santuario, ou o que a Natureza construíu durante séculos, pero nin o pensan. Unha pena.