Néboa na estrada

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Andamos revolucionados polo tramo da A-8 con máis néboa do mundo, unha brétema saída da nada, que nos sorprendeu cun descomunal accidente na metade da vía. Coma sempre, botamos as mans á cabeza e comezamos a buscar respostas ás dúas grandes preguntas: Por que? Podía evitarse? A historia lémbrame moitos outros accidentes, e coma en todos eles, aconteceu o mesmo, que se lles preguntou aos técnicos trala desgraza. Así soubemos que os problemas de visibilidade pola climatoloxía xa eran coñecidos hai 150 anos, cando se comezou a falar dunha vía por eses lares. Que queren que lles diga, a min gustoume moito a resposta de Ricardo Babío, que foi profesor meu, e agora é o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños. Di que no estudo informativo se sopesa todo e que se opta pola mellor opción, aínda que ninguén é infalible. Pois iso. Estúdanse as opcións, que ademais de valorar a seguridade (da construción e explotación) teñen en conta a xeotecnia, xeografía, medio ambiente e por suposto, economía, entre outras cousas. Babío volve engadir que tecnicamente, case todo é posible, pero o custe si que pode converterse en algo irreal. Polo de agora, a decisión de pechar a autovía en casos de néboa parece a máis acertada. Tamén se pechan por outros aspectos. Os enxeñeiros somos persoas que debemos utilizar a técnica ao servizo da sociedade, con total garantía. Non só se fan autovías. Tamén se encargan de cousas pequenas coma levar auga aos fogares.