De Israel á Patagonia

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

31 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

De novo estourou a bomba de Gaza (toda a faixa de Gaza é unha bomba humana); o mundo viu como se matan dous grupos de persoas, que a si se chaman palestinos e israelís, e unha vella cavilación volveu á mente: con tanto sangue no ollo, se cadra, nunca vai ser posible a paz.

Outra cavilación é a demográfica: os israelís tentan someter un pobo que non deixa de crecer malia o castigo constante; e eles viven rodeados por nacións que non dan parado de medrar, en poboación e xenreira. Co tempo -cen anos máis ou menos- Israel, estado feble, metaestático, pode acabar engulido.

Se iso se pensa fóra de Israel, tamén se ha de pensar dentro. Os israelís, que fan nación coa Diáspora, logo han ter esquemas de perpetuación. Un deles forma parte dos mitos. Trátase do Plan Andinia: a creación dun espazo vital nas vastísimas terras baleiras da Patagonia, as mesmas que desde fins do século XIX soñaron colonizar moitos alemáns, e que acabaron sendo refuxio de xenocidas antisemitas despois de 1945 (no pináculo do mito, Hitler en Santa Cruz). Mito ou non, xente viaxeira polos Andes do Sur testemuña a presenza de turistas cunha fala rara, bíblica. Abraiados, contemplan a inmensidade fértil -neve, auga, herbais- seica a lembraren o ermo mínimo polo que matan e se deixan matar, entre o Golán e o Mar Morto.