As néboas do Cantábrico

Francisco Díaz-Fierros Viqueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai xa máis de cincuenta anos que Mateo González, director do Observatorio de Gijón, consideraba que unha das características que singularizaba o clima cantábrico eran as nubes de estancamento formadas polas masas de aire húmido mariño de compoñente norte ao chocaren contra a cordilleira cantábrica, que corría paralela ao mar. A temperatura do Cantábrico, un ou dous graos máis quente ca do Atlántico, favorecía a evaporación, saturando de humidade a atmosfera, e o arrefriamento das masas de aire, obrigadas ao seu ascenso pola presenza de montañas moi preto da costa, orixinaban a condensación da auga coa formación de nubes. Semellaba que, na maioría dos casos, abondaban con dous graos de descenso da temperatura para que por riba dos 400 metros se comezase a condensar a auga. A influencia das brisas, por outra parte, imprimíalle unha certa evolución ás nubes ao cabo do día, de tal xeito que, normalmente, eran sempre máis densas ás primeiras e ás últimas horas.

Estas nubes de estancamento eran moi ben coñecidas polos condutores que baixaban desde o penichan galego ata a Mariña luguesa, porque eran as que daban orixe ás frecuentes néboas coas que se atopaban ao pasar pola Gañidoira cando collían a estrada de Viveiro, ou pola Xesta, cando ían cara Ribadeo. E, por suposto, foron as que xeraron o dramático accidente do pasado sábado na Autovía do Cantábrico.

De todas maneiras, e a pesar de que vai xa transcorrido medio século desde as observacións do meteórologo asturiano, moi pouco máis se sabe deste fenómeno meteorolóxico. Para adiantar no seu coñecemento, habería que dispor dunha rede de observacións, algunhas delas moi específicas, dunha certa densidade espacial e temporal. Pero sobre todo, dedicarlle programas propios de estudo ás zonas máis afectadas. MeteoGalicia, que podía realizalo perfectamente, bastante ten con manter, cos seus minguados orzamentos, a importante rede de observacións e funcións de predición que xestiona. E os plans de investigación que promoven as autonomías e o Estado poderían deixar de esquecer por un momento esas grandes e, ás veces fantasiosas, liñas de investigación que «nos deberían situar na vangarda da Ciencia» e pensar en temas máis caseiros e cotiáns como son as humildes néboas de case todos os días.

Con isto non se quere desculpar a falla de previsión dos que deseñaron o trazado da A-8 por un territorio inzado de nubes e néboas, senón destacar que un mellor coñecemento científico do fenómeno sen dúbidas axudaría a disuadilos de tal erro.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira é Catedrático emérito da USC e académico da RAG.