Ser gazatí

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

26 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ser gazatí significa nacer para ser exterminado baixo as ruínas da casa que che roubaron. Implica ser fuxitivo para sempre, e asumir que o refuxio que che queda é o terror. Ser gazatí é sinónimo de nais que nacen viúvas e viven condenadas a chorar polos fillos mortos antes de parilos. Ser gazatí significa, en fin, saberte confinada sen máis motivo cá túa estirpe a un inmenso campo de concentración que ademais é deserto e coto privado de caza. Ser gazatí é ter por destino a mira telescópica dos fillos de Xavéh, eses mesmos que esqueceron os mandatos de paz de Deus a Moisés, e o tempo de exterminio no que tamén eles foron gazatís en Auschwitz, Dachau, Buchenwald. Sumemos Jabalia, Deir al-Balah, Rafah, Jan Junis. Ser gazatí é o perigo, ou xogar aos oito anos nunha praia e quedar aniquilado por neno e por gazatí. Ser gazatí significa ter fame e sede no deserto, non ter presente nin futuro, e vivir nun pasado inmenso cargado de violencia. Ser gazatí é erguerse no rancor, sabendo que estar vivo implica a xustiza dos que xa non han nacer. Ser gazatí é sinónimo de dor, e o desexo enorme de morrer matando porque rebelarse é o único sentido de vivir no cemiterio interminable deste cacho da Terra Prometida.

Quizais eu tamén sería gazatí se vivira así, pechada en Gaza e condenada a morte sen previo xuízo. Quizais eu tamén sería gazatí se alguén dixera que son unha serpe que non fai máis ca parir serpes. Si. Eu son palestina, xa que ninguén reacciona ante a dor de nós as gazatís, que parimos nenos mortos e esmorecemos ao ver no ceo azul do Mediterráneo a palabra «liberdade» escrita coa materia esvaída e inalcanzable das nubes que poñen outros.