As demandas de Galicia

Fernando Salgado
Fernando Salgado LA QUILLA

OPINIÓN

25 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Maxestade:

Escríbolle con certa urxencia para que esta mañá, cando renove a tradicional ofrenda ao Apóstolo, evite o erro cometido polos seus predecesores na tarefa: a teima en descargar no lombo do santo as súas culpas e responsabilidades na Galicia escalazada dos nosos días. Convertían o templo nunha mesa rogatoria de mercaderes e ao Apóstolo no encargado de quitarlles as castañas do lume. E se non lle colgaron medallas no mantelo, como fixo o ministro do Interior coa Virxe do Pilar e a Nosa Señora do Amor, foi porque Santiago o Maior, absorto na curación das almas, non sempre atendeu os seus rogos interesados. Como ademais facían a ofrenda en nome de El Rei, convén que vostede, señor, poña a cadaquén no seu sitio, se de verdade quere desfacer a promiscuidade entre o trono e o altar que tan nefastas consecuencias tivo na historia das Españas.

Iso non quere dicir, maxestade, que ao traspasar o Pórtico da Gloria deixe fóra os nosos problemas terrenais. Temos poucos nenos en Galicia, un de cada cinco atópase en risco de pobreza e 12.000 padecen, segundo Unicef, «carencias materiais severas». Temos pouco traballo e, malia o botafumeiro que puxo a funcionar a EPA de onte, 19.900 activos e 13.900 ocupados menos que hai un ano. Temos poucos brazos e cerebros novos, aínda que dis que ben formados, pero botámolos a milleiros a procurarse o pan e o futuro no estranxeiro. Temos pouca educación e seica somos os terceiros, despois de Andalucía e Murcia, que máis profesores e persoal de servizos desbotamos. Temos unha sanidade pública que se esfarela para engordar o negocio privado. Temos unha poboación envellecida, cangada polos anos e a submisión; unha sociedade desarticulada, minada polos localismos e as desigualdades, e un territorio estragado a partes iguais polos depredadores e a estulticia. Se Deus está en todas partes como nos ensina a Igrexa, non hai impedimento para que as nosas cuitas o visiten na súa casa. Mais non en busca de solucións divinas a problemas profanos, só en busca da denuncia e da resonancia que proporcionan as altas bóvedas da catedral.

O Apóstolo fixo o seu traballo. Asentou a súa identidade, discutida por priscilianistas e luteranos, e xerou a placenta que nos uniu a Europa. Por ela discorreron ideas, xentes e mercadorías. O comercio medieval coas Illas Británicas -panos a cambio de viño- naceu ao pé do Camiño inglés. Centos de hospedaxes e miles de empregos sobreviven hoxe amparados polo Camiño francés. A fe trocouse en riqueza. Pero o santo esgotou a súa capacidade milagreira. Cansou e xubilouse. Respectemos o seu retiro.

Xa que logo, maxestade, non lle pida a Santiago o que Santiago non pode darlle. Aconséllolle que redirixa a parte mundana da súa ofrenda, a que se refire ás cousas de comer, cara á nutrida lexión de ilustres cortesáns que o arrodean. Eles son os responsables. O Apóstolo, só testemuña e notario.

Respectuosamente.