Agustín en Trasalba

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 jun 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

A cesas as candeas dos castiñeiros, entrada á fin esta primavera serodia a arrecender nos soutos de Amoeiro, reunímonos os amigos e amigas de don Ramón na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, para agasallar co premio que leva este nome unha figura sobranceira das nosas letras e da nosa cultura, disto que chamamos galeguismo, espírito da xeración Nós, democrática e europeísta, que reivindicamos cada ano por estas datas na que foi morada patrucia do autor de Arredor de si, un dos espazos simbólicos da nosa memoria colectiva.

Nesta ocasión, a persoa que homenaxeamos é Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), un dos nosos autores máis celebrados, comprometido coa lingua, animador de empresas educativas, traballador infatigable a prol da renovación da escola dende finais dos anos 70 e os anos 80, aquel tempo de entusiasmo, que mobilizou a tanta xente nas aulas, nas asociación culturais, nas plataformas de ensino, nas escolas de verán? A súa obra literaria, traducida a varios idiomas, proxecta mesmo fóra das nosas fronteiras a creatividade dunha xeración que nace neste tempo de liberdades, arredor da Constitución e o Estatuto de Autonomía de 1981, e que non teño reparo en cualificar dunha etapa certamente dourada. Coas súas frustracións, pois nunca todos os soños se logran, pero extraordinariamente vizosa.

Unha das características deste período, que podemos datar a partir dos anos 80, é a aparición masiva dun xénero novo nas nosas letras: a literatura infantil e xuvenil (LIX), do que Agustín Fernández Paz é, sen dúbida, figura sobranceira e representativa. Con el agasallamos a todo un tempo, ilusionante repito, que non podemos deixar que estiñe, e que mesmo cómpre recuperar (renovar).

En maio de 1922 publicábase en Madrid o primeiro número da revista As Roladas, que se subtitulaba Folla dos rapaciños galegos, dirixida por Ramón Cabanillas dentro do espírito das Irmandades da Fala, na que participaban entre outros o marqués de Figueroa, Leonardo Rodríguez, Vicente Risco, Portela Valladares, Wenceslao Fernández Flórez, Fermín Penzol, con debuxos de Castelao e de Antonio Palacios. Pouco durou. Saíron dous números. Mais era o primeiro paso: os precursores. A Guerra Civil frustrou despois esta singradura, igual que outras. Pero o lume estaba aí. Lembro os primeiros novos intentos nos anos 60 e 70: Xohana Torres, Bernardino Graña, Carlos Casares, Manuel María, Neira Vilas? A Asociación Cultural O Facho empezou a convocar nesa época, dende A Coruña, o seu Premio para lectores novos. Entre 1975 e 1978 saíu a revista Vagalume (46 números)?

Non é cousa de lembrar agora a extensa nómina de autores e autoras (incluídos os ilustradores) que, a partir de 1980, coa presenza do galego na escola, empezan a producir textos para esta nova realidade, que era unha demanda obxectiva. Autores e autoras que en pouco tempo axiña recibiron o recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras. Agasallando a Agustín en gran medida agasallámolos a todos: na casa común da esperanza.