As redes

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

15 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Levan no nome a súa propia definición: enganan e cazan. Porén, a súa utilidade é dadivosa. Empregadas con intelixencia e cautela resultan óptimas para a comunicación. Son un síntoma do progreso dunha sociedade que progresa, tamén, cara a ningures. Pregúntome estes días se as redes sociais describen a imaxe real de Galicia e España. ¿Somos así? ¿Somos Twitter? Seres enganchados a 140 carácteres frenéticos e categóricos. Cando penetrei nesa selva só contemplaba o lado optimista das redes. Pronto experimentei, na propia pel, a miña equivocación. O grao de impiedade e truculencia que se observa na Internet é espantoso. O asasinato da presidenta da Deputación de León e as súas consecuencias nas redes sociais foi o espello, deshonroso e humillante, da afrenta que pode constituír unha Internet descontrolada. Non existe control. Nunca existiu. Agora parece que queren poñen freo a tanto exceso e tropelía. Por fin. Por fin os anónimos non poderán exercitarse na arte da maledicencia e mentira sen consecuencias. Por fin a liberdade non será xustificante, e escusa, da ofensa. Por fin a sensatez recuperará territorio e razón. Ou non. Porque o uso das redes sociais depende da educación e do grao de «civilización» de quen as use. Dos valores adquiridos. Da sensibilidade e afectividade e tenrura (esa palabra exiliada do presente). Depende do que aprendemos e nos aprenden. Polo tanto, mellor resultaría profundar nas causas da deshumanización da sociedade: todos somos culpables. Debemos re-humanizarnos, re-nacernos: resucitarnos. Mirar co corazón. Contra os seus ollos fracasan os pérfidos. E as redes.