Alumear o pan

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OURENSE CIUDAD

04 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Suso do Cabo naceu o 30 de abril, hai 54 anos. Esa noite, véspera do primeiro de maio, os veciños todos do val da Amaía saían alumear o pan. Vellos, novos, nenos, homes e mulleres botábanse aos campos portando fachos acesos, feitos de palla ou follato, e percorrían os camiños, de aldea en aldea, ciscando a cinza nos sucos recén semeados das agras e recitando: «¡Alumear o pan, para que Deus dea boa gran: espiguiñas coma dedos e grauciños coma peros!». Así lembra Suso do Cabo aquelas tardes primeiras da súa infancia, contra a noitiña, coa parroquia toda a bourear, chamando pola fartura da terra, que poucas semanas antes fora arada e semeada con trigo, millo ou centeo.

Aínda a semente non agromara. Aínda os campos estaban abertos. Aínda non había resposta da terra. Mais na cultura tradicional agraria, cada sementeira é unha aposta de futuro, un risco que se asume con traballo, con cálculo e con coñecemento: a tradición de saber como se han de facer as cousas, na memoria que transmiten os país e os avós. Ao contrario da cultura mariñeira, na que o mar sempre está aí, sempre é posible volver a el ao día seguinte, a aposta da cultura campesiña ten prazos moi concretos, períodos moi establecidos, que compre saber calcular e administrar. Fronte á cultura do mar, a cultura agraria é mais conservadora porque arrisca case todo a un carta: se lle sae mal a xogada (a colleita do ano) alá vai o negocio, que no tempo dos nosos avós era a subsistencia.

Suso do Cabo lembra a cerimonia de alumear o pan ata cando tiña seis ou sete anos. Logo viñeron outras técnicas, outras artes, outros modelos de produción, outras maneiras de entender o mundo, outros negocios. Pero el garda na memoria as primeiras noites aquelas do 30 de abril, xa na entradiña de maio, que cadra ademais co seu aniversario, os veciños todos a percorrer as agras recén semeadas. «Non había curas», advirte. «Nin autoridades. Era cousa dos veciños. Así o fixeron de sempre».

As orixes da tradición, que ben que coñecía don Antonio Fraguas, debemos procurala nos ritos da fertilidade da terra, igual que a cerimonia dos maios por estas mesmas datas: os rapaciños cantando as coplas arredor do fiúncho e as flores. A miña infancia pontevedresa está chea de cantigas de maio: Pontevedra, Redondela, Marín, o Morrazo, igual que as cruces de maio en Ourense e os nenos-maios ata hai pouco pola costa luguesa. No val da Amaía, nembargante, a tradición destas datas era saír alumear o pan: pedirlle ás forzas da natureza que non se esquezan de nós, do noso esforzo e do noso traballo, tamén da nosa ilusión, agardando resposta nos sucos, porque ademais do empuxe e da vontade, os seres humanos necesitamos o alento da fortuna, que non nos deixe de man. Seica os veciños de Rois (Asociación Cultural A Senra) queren recuperar os vellos ritos. O pan de hoxe é o traballo. Calquera noitiña destas acabaremos polos camiños, prendendo fachos, «para que Deus (ou quen proceda) dea boa gran: espiguiñas coma dedos e grauciños coma peros».