Muíños rotos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

05 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Patagonia inmensa, baleira de xente, é a terra do vento, do petróleo e o gas natural. Alí sorprende ao viaxeiro a visión de xeradores eólicos quedos, coas aspas quebradas. A razón -informan galegos patagónicos- é que se acabaron as subvencións para as enerxías alternativas. O marasmo arxentino é así: abandónanse os muíños, rotos, mentres a carón deles as cegoñas dos pozos de petróleo non deixan de bombear. En España non hai petróleo, e só habería gas de fraccionamento, de dubidosos resultados socio-económicos onde abunda a poboación. A captación de enerxías alternativas é unha cuestión de independencia do Estado; mais sobre a pel de touro comézanse a ver muíños enferruxados e parados. Seica o negocio virou por mal camiño... xustamente cando a Comisión Europea fai unha aposta multimillonaria pola enerxía verde e as redes intelixentes.

Verde é ton do logo dunha grande empresa da enerxía a pregoar hoxe que leva os investimentos fóra de España; e en Galicia hai clamor ao respecto dun mapa eólico abandonado. A enerxía eólica aprovéitase desde hai décadas con sistemas ben estudados, eficientes, e os expertos na materia sospeitan logo que a alguén non lle interesa aproveitala. ¿A quen? Vento rima con parlamento, e todos pagamos os soldos dos parlamentarios calados.