Dan medo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

13 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

D in que unha imaxe val máis que mil palabras, pero eu non o creo.

Algunhas persoas sentiron un estremecemento de horror ao ver a foto dos etarras reunidos en Durango tras a súa excarcelación. En verdade impresionaba ver xuntos a aqueles tipos que sumaban máis de trescentos asasinatos. O xesto serio, eu diría que mal encarado, vírono moitos como un signo de ameaza. Pero houbo quen percibiu na súa actitude un aire de tristeza e de derrota. É o que pasa coas imaxes.

Polo contrario, as palabras que alí se dixeron non deixan lugar ás dúbidas nin ás interpretacións persoais. Kubati, o portavoz, condenado por trece asasinatos, foi moi claro: destacou o valor político do colectivo de presos de ETA, e dixo que «seguirán traballando pola liberdade» do seu pobo e farano «co mesmo compromiso e renovada ilusión». Ou sexa, que están onde sempre estiveron: convencidos de telo feito ben, e dispostos a repetir cando lles dean a oportunidade.

E tras deles están todos os que os protexen e aplauden como a heroes. Non esquezamos aquilo de: «Los nuestros en la calle, y los vuestros en el hoyo».

Esas palabras indican claramente onde estamos uns e outros.