Bolonia como pretexto

Luz López Pérez SECRETARIA XERAL DA FEDERACIÓN DE ENSINO DE CC.OO. GALICIA

OPINIÓN

13 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A declaración de Bolonia de 1999 suxería un interese pola educación superior en Europa. Pasado o tempo, co inestimable apoio da crise como coartada e a escasa convicción inicial dos nosos gobernantes, que abrazaron os seus principios apenas como xesto estético, queda dela un recordo do que debería ser e unha tremenda frustración polo que no seu nome acabou resultando.

A declaración de Bolonia apuntaba, entre outras cuestións, a promoción da mobilidade de docentes e discentes, o garante da calidade da educación superior, a implantación no espazo europeo de educación superior (EEES) de metodoloxías comparables, promover a competitividade do sistema cos doutros países máis alá da Unión Europea e facer facilmente comparables e compatibles as titulacións obtidas nos diversos países que conforman o EEES.

O atraso na implantación das medidas e a conseguinte precipitación para cumprir datas veu acompañado de desviacións interesadas que co pretexto de Bolonia perseguían obxectivos manifestamente contraditorios con aqueles principios inspiradores.

Así baixo o eufemismo de facilitar a aprendizaxe do alumnado, increméntase sensiblemente en volume da «tarefa individual», esquecendo o que supón de incremento do volume de traballo para o docente, que ha de centrar a súa tarefa na atención individualizada e na verificación da autenticidade e orixinalidade do traballo, para conxurar o risco do curta-pega favorecido pola democratización das TIC. Pero como na práctica redúcese o número de horas lectivas isto é o pretexto perfecto unido á desculpa da crise económica, para reducir os persoais de profesorado.

Que dicir da promoción da mobilidade sobre todo de estudantes. Mais alá da retórica declaración de recoñecer a súa importancia, redúcense drasticamente as partidas destinadas a esta finalidade, convertendo en realidade a mobilidade nunha opción ao alcance duns poucos privilexiados que non necesitan «promoción».

Separadamente da implantación do sistema equiparable de ciclos de duración similar e a intercambiabilidade de créditos con determinados requisitos, non pode dicirse que se produciron outros avances significativos na comparabilidade e compatibilidade; así a todo propiciouse a proliferación de especialidades nalgúns casos de máis que dubidosa utilidade práctica.

No referente á competitividade, que debería ir indisolublemente unida a unha calidade contrastada, dicíase entón que pasaría por poder competir cos másteres das mellores universidades dos Estados Unidos de América. En España, a redución continuada do orzamento das universidades, a presión das taxas académicas sobre un alumnado cada vez máis acosado pola crise económica, ameazan con reducir non só o tamaño da oferta pola redución persistente de docentes, senón tamén da demanda, por falta de capacidade económica da cidadanía.

Neste contexto, a concentración de exames nun semestre, a redución sensible do tempo de docencia e demais reducións de case todo, son o síntoma de que os obxectivos de Bolonia son fermosos como declaración, pero a súa aplicación e promoción, están lonxe de ser de interese dos nosos gobernantes, máis preocupados pola austeridade e o recorte. E aínda falta a reforma universitaria do ministro Wert. É para estar moi preocupados.