O rei nu de AGE

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

15 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pode ser que David Fernández Calviño sexa un xenio, e por iso fai ben pór a súa xenialidade ao servizo da ciencia. Mesmo pode ser que a súa xenialidade se combinase coa ambición e decidise demostrar que é un superheroe e combinar dous traballos full time distantes entre si 2.700 quilómetros. Tan xenio é que el e Beiras case nos convencen de que, se o seu partido, co resto da esquerda, birlase ao PP a maioría absoluta por un escano, non perderían votacións por un voto extraviado nunha folga de controladores daneses. Os votantes -pensarían os xenios na cúpula de AGE- saben perfectamente que os nosos cabezas de lista teñen o divino don da ubicuidade». E así, de xenialidade en xenialidade, lograron dar a sensación de que a coalición dos indignados só utilizaba a indignación da xente para loitar contra o paro repartindo traballos de parlamentario a tempo completo ata que saíse algo mellor. Total, en AGE imaxinan, na súa sublime intelixencia, que un pode representar aos seus cidadáns vivindo e traballando nun lugar tan parecido a Galicia coma Dinamarca.

Os triunfos electorais fulgurantes adoitan obnubilar tanto o sentido común de quen os vive que esqueceron que os segundos de lista tamén poden ser listos e tamén teñen dereitos, como lembrou esa muller da que ninguén fala, Carmen Iglesias, seguramente a máis lista da coalición, posuidora agora dun escano perdido grazas a tanta xenialidade.

A min, que son escritora e non parlamentaria, paréceme que lles falta literatura. Ninguén lles leu ese conto que definiu tan ben esta caste de políticos: nunha multitude idiotizada sempre hai un neno clarividente disposto a demostrar que o rei vai espido.