Apaguen os seus móbiles

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

07 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un avance normativo da Administración Federal de Aviación dos EE.?UU. devolve á actualidade a relación entre a seguranza dos voos e o uso dos dispositivos móbiles transceptores (emisores-receptores) de radio.

Chama a atención a obriga de apagar os «móbiles» cando se pechan as portas do avión. Parecería que as leis do electromagnetismo mudasen con ese acto, directamente relacionado coa presurización do aparello voador. Ora (salvo que os colegas Mira e Casalderrey digan algo en contra), as «ondas métricas» atravesan doadamente as xanelas dos avións comerciais. Todo pasaxeiro sabe que, estean abertas ou pechadas as portas, o seu móbil se comunica sen problema co exterior.

Calquera avión nas proximidades dun aeroporto, voando ou pousado, áchase dentro da área de cobertura das estacións de radiotelefonía instaladas na terminal. As radiacións que estas emiten enchen totalmente o habitáculo do avión, con moita máis potencia que os teléfonos do seu interior. Daquela, funcionando móbiles e estacións de radio con sinais portadores da mesma marxe de frecuencia (se non, non se conectarían), ¿a conto de que vén o «apaguen totalmente (esta totalidade é o máis chusco) os seus móbiles»?

Algo cheira a podre non só en Dinamarca, señores viaxeiros. E o cheiro leva a que, non tardando, dentro de cada avión comercial vaia haber unha estación base de radio... que irá conectando con sucesivos satélites de comunicación ao longo do voo. ¿E quen vai cobrar a «portaxe» de conexión a terra? As compañías aéreas.