É de xustiza

Henrique Monteagudo SECRETARIO DA REAL ACADEMIA GALEGA (RAG)

OPINIÓN

21 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto do plurilingüismo anularon dous preceptos básicos do mesmo: a consulta ás familias como instrumento decisorio sobre o idioma de preferencia nas aulas e o levantamento da obrigatoriedade de os alumnos empregaren nas clases e exames o idioma estipulado oficialmente para cada materia. Afinal, a sentenza puxo de vulto a falla de fundamento legal da filosofía en que se inspiraba o decreto, plasmada nun par de eslógans: a denuncia dunha pretensa «imposición do galego» e a reivindicación dunha «liberdade de lingua» disque en perigo. Destarte, o TSXG puxo o ramo a un debate público ao longo do cal a inconsistencia moral, científica ou política da tal filosofía xa quedara rotundamente en evidencia. A polémica naceu fanada de artificialidade, á calor duns cálculos políticos e unhas estratexias electorais mesquiñas, e feneceu afogada pola emerxencia dos gravísimos males -estes ben reais- que atormentan a nosa sociedade. A terca verdade acabou impoñéndose: abandonado polos Gobernos á súa triste sorte, o galego esmorece. Entrementres, padeceu o que non merecía (desprezos e desleixos) e deceu uns chanzos máis cara ao inferno dos idiomas -o estigma do enxeitado e a condena ao desuso-. De camiño, como a sentenza mostra, incluso a precaria legalidade renxeu. Quen gañou con iso? Ninguén.

Pero, alén de laios, acusacións ou ladaíñas, é urxente endereitar a rota. Á Xunta e ao Parlamento tócalles tomar a iniciativa e procurar un amplo acordo político e social, con base no Plan Xeral de Normalización, para recuperar o tempo perdido e dotar o idioma do impulso que se lle veu escatimando. É de lei. É de xustiza.