Cholo, Xerminal e Antón

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

FERROL CIUDAD

20 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai moito Víctor Freixanes escribía unha crónica de viaxe á Arxentina. Contaba a anécdota de cando Manuel Antonio (Cholo) Rei Flórez creu estar no extramundo por culpa da radio: no medio do deserto patagónico escoitou falar galego... e a seguir mapuche. Quen falaba era Xerminal Filgueiras, anarquista ferrolán convertido en protector de indíxenas nunha reserva do Chubut.

Pedía Víctor unha explicación. Naquela travesía polo deserto entre o Mar Austral e a cordilleira dos Andes, o Cholo ía recoller no Neuquén un amigo, quen isto escribe e algo máis sabe: que nestes días de amable sol en Galicia e nevazón na Patagonia, están na Coruña o Cholo, coruñés de nación, e Antón Santamarina, que o é de crianza. Úneos a vivencia arxentina e o Xerminal Filgueiras, a quen trataron en etapas moi diferentes da súa vida de activista político-cultural. Antón é fundador das Mocidades Galeguistas, ás que pertenceron tanto Xerminal como Neira Vilas. Cholo é o embaixador de Galicia na Patagonia, onde foi descubrir o Xerminal en funcións filantrópicas a favor dos indios. Quizais sorprenda un ferrolán convertido en cacique mapuche con emisora de radio, pero os galegos son así (Pepe Castedo, tamén de Ferrol, escribíalle discursos a Mao Zedong). Os irlandeses alardean da súa influencia no mundo, mais é por ignorancia filolóxica: coidan que os apelidos galegos son portugueses.