Abrente e R. Vidal Bolaño

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

11 may 2013 . Actualizado a las 13:40 h.

Voces moi expertas achéganse neste suplemento á obra de Roberto Vidal Bolaño nunha data que será decisiva -estou certo- para o estudo, edición, difusión e unha más rica interpretación do seu corpus teatral. Eu, nesta brevísima incursión, vencellarei a súa personalidade de escritor e home de teatro a Abrente, unha asociación cultural de Ribadavia case mítica. Creada a fins da ditadura franquista, comprometeuse, desde 1973, coa causa do teatro galego de tal xeito que Ribadavia foi, desde ese ano e durante moitos, a capital do noso teatro. Abrente foi un auténtico mencer para a nosa escena e Ribadavia, a cátedra e a incitación.

Cando Vidal Bolaño, en 1974, con 24 anos, crea o grupo Antroido, hai que supoñer que xa proxecta a súa actividade teatral no clima que está a crear Abrente. É o Vidal Bolaño que gaña o cuarto concurso de textos en 1976 coa obra Laudamuco, señor de ningures. Non finaliza aquí a relación de Vidal Bolaño coa Ribadavia que lle premia textos e lle representa obras. Sobre as experiencias ribadavienses, Vidal Bolaño escribiu un desenfadado e intelixente ensaio no que lle fai xustiza á intelixencia e á cultura de Chucho (Xesús Sánchez Orriols), un ribadaviense impar. Figura no epílogo desa magnífica e documentada monografía que as súas autoras, Inma López Silva e Dolores Vilavedra, titularon Un abrente teatral. As mostras e o concurso de teatro de Ribadavia (Galaxia, 2002).

Hai corenta anos que naceu, en Ribadavia, aquel abrente teatral. Foi en 1973, edición na que Ricard Salvat, Manuel Lourenzo, Sánchez Orriols e mais eu premiamos, ex aequo, senllas obras de Manuel María e Euloxio R. Ruibal. Salvat, que xa nos deixou, sempre percibiu aquel feito como o inicio de algo moi importante. Habería que conmemorar, corenta anos despois, aquel 1973, e conmemoralo con encontros de expertos sobre a situación e perspectivas (tamén económicas) do teatro galego. Sería plausible que algúns deses encontros se debruzasen sobre os textos teatrais de Roberto Vidal Bolaño. A Xunta ten a palabra.