Tempos de regresión na igualdade das mulleres

Olaia Fernández Davila TRIBUNA

OPINIÓN

08 mar 2013 . Actualizado a las 12:02 h.

A realidade política e económica na que celebramos este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, obríganos ás mulleres a analizar o que está a acontecer cos nosos dereitos, e os retrocesos que se están a producir se non facemos fronte ás políticas dos Gobernos de Rajoy e de Feijoo. A denominación de políticas anticrise non é máis que o eufemismo que utiliza o PP para tratar de agochar a realidade do que está a facer, políticas antisociais que atentan contra dereitos recoñecidos.

É ben sabido que para acadar o ansiado obxectivo da igualdade de xénero precísase garantir tanto a independencia económica das mulleres como a modificación do modelo socioeducativo e cultural sustentado no corpus patriarcal machista, aquel que aínda se resiste a levar áncoras. O avance en calquera destes ámbitos está seriamente ameazado polas continuas reformas lexislativas que se están a realizar.

A autonomía económica da muller vai ligada á súa incorporación ao mundo laboral, que nos ten mostrado con toda crueza a desigualdade. A reforma laboral acrecentou moito máis o modelo desigual e discriminatorio das relacións laborais, onde prima a desigualdade salarial, a desigualdade no acceso ao traballo, contratos en precario, xornadas reducidas e maior incidencia do paro. No ano de aplicación da reforma, o 76 % dos contratos a tempo parcial foron feitos a mulleres.

Se ao inicio da crise a perda de emprego afectaba menos ás mulleres, desde mediados do 2011 o paro feminino se incrementou de maneira alarmante, debido a que acadou aos sectores laborais máis feminizados como é o de servizos. Segundo un estudo da CIG, durante o ano 2012 30 mulleres perderon diariamente o seu emprego en Galiza.

Coa chegada do Goberno de Rajoy producíronse grandes regresións, pasos para atrás. Os golpes viñeron un tras outro con recortes e reducións orzamentarias en todos os servizos públicos. Desfanse dereitos laborais e elimínanse ou redúcense á mínima expresión os investimentos en materia social, co cal se carga directamente contra a igualdade das mulleres, sempre dobremente discriminadas.

As mulleres padecemos o anverso e o reverso da moeda, porque o desemprego pon en serio risco a independencia necesaria para a igualdade, e por riba, a situación de deterioro laboral e os recortes en materia social minan a conciliación, o outro gran logro. Unha simbiose perfecta que é o caldo de cultivo para aquelas voces reaccionarias e machistas que aproveitan para pedir a volta das mulleres aos intramuros domésticos.

A conclusión é evidente: estamos nunha fase regresiva, son anos negros para seguir avanzando. O actual Goberno elaborou un cóctel indixesto para a conquista da igualdade. E con toda seguridade, somos as mulleres as máis interesadas en reverter esta situación e facerlle fronte. ¡Hai máis razóns que nunca para non renunciar ao que temos dereito!