Fraude, corrupción e construción

OPINIÓN

02 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Coñecemos agora o que xa sabiamos... sen ir ao palco do Bernabéu. A burbulla española da construción non podía ser freada pola conexión entre intereses construtores e política. Iso agravou a crise e dificultou as solucións: as propostas de recuperación económica gobernamentais pasan sempre por reactivar a construción, liberalizar máis o solo ou promover obras públicas innecesarias. Obscenamente ven de confirmarse pola vía do sobrecolledor tirón de manta dos papeis de Bárcenas. Unha peza histórica que eclipsará a ruleta de Strauus e Perle («fundadores» do estraperlo) con Lerroux. A cadea de fallos remata no Tribunal de Contas pero non empeza na sociedade senón nos políticos que aceptaron cobrar sen traballar. Non é problema que as empresas financien partidos senón que o 70 % do financiamento do PP é ilegal porque procura obxectivos ilexítimos. Un poder económico presiona á política e algúns aceptan esa presión a cambio dun salario non declarado.

Aos contribuíntes dóenos a burla á Facenda por quen debe protexela. Francisco Fernández Ordóñez e Josep Borrell fixeron a reforma fiscal democrática e convencéronnos de que Facenda somos todos. E antes Fuentes Quintana, quen escribira que «la guerra civil la ganaron los de la coraza fiscal», empezou a resolver un problema histórico. Con Ensenada (1750) a Ilustración quixo coñecer a riqueza para gravala ao xeito, como Martín de Garay (1819) no primeiro liberalismo; Fernández Villaverde ou González Besada intentaron reformas fiscais modernas que materializou Jaume Carner (1932). A vella aristocracia e a nova burguesía coincidían en agochar a riqueza. Parecía que superáramos aquela fonda corrente dos poderosos. Pois non. Para ser rico hai que nacer rico ou ser amigo do poder.