Caleidoscopio

Fina

foto de Inma López Silva
Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Algunhas criámonos cos libros de Fina Casalderrey, que nos levou da man nese marabilloso acceso á vida que é aprender a ler. Non se me ocorre motivo máis primario, digno e comprometido para que alguén sexa membro da Real Academia Galega. ¿Cantos lectores na nosa lingua lle deberemos a Fina Casalderrey? A literatura para a infancia e a mocidade era unha ausencia clamorosa na real institución, que, a miúdo encorsetada nunha visión patrimonial e abondo conservadora da nosa identidade cultural, tendeu a esquecer que entre os sectores editorial e autorialmente máis potentes, exitosos e prestixiosos da literatura galega está a literatura infantil. E tamén que se alguén fixo algo (moito) pola normalización da lingua galega nos sectores máis castelanizados da nosa sociedade, esas foron as que, como Fina Casalderrey, decidiron dirixirse en galego a esa primeira xeración na que rompía de xeito estrepitoso a continuidade herdada da lingua, esa xeración (a dos que hoxe estamos entre os 25 e os 40) cuxos pais galegofalantes, cargados de prexuízos e medos, educaron en castelán.

Fina, muller intelixente que sempre tivo claro un proxecto cultural, representa coma ninguén esa faceta da cultura galega sen esquecer algo que é un valor en alza: a súa condición feminina desde a que sempre aportou unha mirada que humanizou e enriqueceu a súa literatura, condición que, sen dúbida, contribuirá a dar outro aroma á Real Academia Galega, tan necesitada como anda de novos perfumes. Parabéns a Fina. E, sobre todo, parabéns á Academia por dotarse de boas compañías.

Saber más...