Soleira

Carta a X. M. Beiras

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Meu amigo: Sabes ben o moito que celebrei o teu éxito nas recentes eleccións. Porque pensei nas inmensas posibilidades que tiñas para darlle un novo rumbo á triste política galega, que poderías facer que o Parlamento fose tal, que poderías traer ao país esperanzas reais, que poderías ser a canle pola que xurrasen as aspiracións de moitos.

A miña primeira sorpresa foi ver que, ao abandonar o Parlamento na sesión de investidura do presidente, non facías outra cousa que rebaixar e desprestixiar unha institución clave da autonomía. Porque é dar a idea de que é unha institución inútil. Unha arroutada máis das túas, pero que pode saírche moi cara. Sería bo que te medises máis de agora en diante.

Paréceme dunha lixeireza sorprendente a oposición, sen apoio en ningunha fundamentación seria -como esixe a gravidade do asunto-, á explotación mineira de Corcoesto. ¿É malo que teñamos explotacións de minas de ouro? ¿Ou que aparecese petróleo? Eu non o sei. Pero, como moitos, quixera sabelo; isto é, por que si ou por que non. Pois non vexo unha mínima racionalidade construtiva na vosa oposición á brava.

E o peor de todo: a linguaxe alporizada, aldraxante e ás veces inxuriante que adoito empregades, en especial referida ás persoas doutro signo político, algo que, ao meu ver, causa moi mala impresión, non contribúe á altura do debate e réstalle eficacia dialéctica. Unha volta pola Rede deixa ben clara esta apreciación miña, que xulgo do máximo interese.

Dispoñendo como dispós dun capital que debe dar moi boas rendas, ben temerario sería botalo a perder. Porque nunca máis o volverás ter. E o camiño que levades non agoira nada bo. Penso que tes unha grande responsabilidade diante do país. Ti saberás se hoxe estás servindo a esa causa.