Non se chamaría Reino Unido

Camilo Nogueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Celebradas as eleccións do 25 de novembro, a maioría excepcional que pretendía Artur Mas, perseguindo a constitución de Cataluña como Estado en Europa, non pertence en exclusiva a Convergencia i Unió. Precisa de Esquerra Republicana, que gañou o que perdeu CiU, e aínda habería que sumar a ICV-EUiA, partidaria do dereito a decidir, e á independentista CUP, sen esquecer o catalanismo de parte do PSC. A frustración do propósito do CiU non significa o fracaso do soberanismo, como se pretende desde o poder madrileño, apenas representado en Cataluña polo PP e por Ciutadans.

Así foron interpretados os resultados das eleccións por relevantes xornais estranxeiros, de Le Monde -fai notar a diferenza de Cataluña, Euskadi e Galiza-, a The Guardian ou The New York Times, nos que sen ignorar a división evidenciada e a incerteza sobre a solución dos problemas, predominou a afirmación da vitoria e do reforzo das posicións dos partidarios da independencia. Non pasan por alto que CiU, o «claro vencedor e o principal perdedor», se mantén malia todo como a primeira forza no Parlamento, salientándose o papel de líder da oposición que lle corresponde ao presidente de ERC Oriol Junqueras, ata o principio deste ano deputado no Parlamento europeo, partillando a candidatura co BNG.

En todo o caso, reiterado por Artur Mas o propósito de convocar un referendo ou, de non ser posíbel, unha consulta, van subir á tona os argumentos institucionais, económicos, sociais e culturais e perderán forza os baseados na suposta imposibilidade da entrada na Unión Europea como tal dun Estado emerxido dun Estado membro.

Así, por moito que o camiño a percorrer estea inzado de dificultades, evidenciarase que os tratados da UE non integran normas que imposibilitaren unha decisión favorábel e unánime do Consello Europeo e maioritaria do Parlamento europeo, como vai suceder con Croacia. A razóns contrarias ao alargamento interno da UE queren ignorar que a referencia no artigo 4.1 do Tratado da Unión Europea á función dos Estados como garantes da «integridade territorial», non se refire á prohibición de novos Estados, senón a unha competencia semellante á do mantemento da orde pública. Ninguén se atrevería a dicir que a UE prohibiría a integración da Irlanda do Norte na República de Irlanda e menos aínda a de Xibraltar no Estado español. Sábese, ademais, que de Escocia decidir en referendo a súa independencia, dispondo do acordo co Goberno de Londres, non se comprendería unha negativa de calquera outro Estado no momento de dilucidar a solicitude de entrada na UE, e isto sen razoar como os que pensan que tan novo Estado sería Escocia como unha Gran Bretaña que xa non se chamaría Reino Unido, como se titulou desde 1707, cando o Parlamento de Edimburgo foi integrado no Parlamento de Westminster, pouco antes de que en 1714 se materializaran os vingativos propósitos centralizadores do primeiro Borbón peninsular. Neste tempo temos un precedente tan determinante como o da decisión unánime tomada pola UE, despois do acordo entre Helmut Kohl e François Miterrand sobre a incorporación dos cidadáns e do territorio da República Democrática Alemá na República Federal de Alemaña, sen mediar o previsto nos tratados para o ingreso dun Estado.

Non está de máis lembrar que no suposto da incorporación precisar dun longo período de negociación, o novo Estado podería entre tanto asinar coa Unión Europea un tratado de asociación, como se lle ofreceu a Turquía, asumir o euro como moeda como ocorre con Montenegro e Andorra e partillar o tratado Schengen sobre a apertura de fronteiras, tal como fixeron Noruega, Suíza ou Islandia.

Fronte a esta realidade, pasado para os partidarios da nación única o efémero momento de euforia regalado pola queda dos resultados de CiU, o dilema colocado non se resolvería coa reforma das maltratadas competencias autonómicas, senón co recoñecemento político e constitucional de algo tan evidente como a plurinacionalidade dos países do Estado. De non ser así será difícil evitar a presente tendencia das nacións internas a resolveren doutra forma a súa vontade de autogoberno, agora como Estados na UE. Anunciando ese futuro, Cataluña e Euskadi xa teñen un sistema de partidos distinto, de facto irreversíbel. Nación no mundo por historia e cultura, a sociedade galega está niso.