¿Maioría silenciosa?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Supoñendo que a maioría sexa toda a xente que non se manifesta nas rúas, basicamente porque non cabe, e supoñendo que sexa silenciosa porque, ao non saír á rúa, é invisible, ¿cómo fai Rajoy para saber a súa opinión? ¿Será que Rajoy é un xenio ou simplemente é pitoniso? Inclínome polo primeiro: logrou modificar no dicionario o concepto silencio e encheuno dunha acepción rajoyiana, coma se en lugar de simple silencio se tratase dun caderno en branco para encher cos ditados do presidente.

Pode ser que a esa suposta maioría silenciosa lle guste o aumento exponencial do paro, a revisión da lei do aborto, o aumento de alumnos por aula, a diminución do control de mamografías, o aumento de número de horas de traballo, a subida do IVE, o enriquecemento desmesurado de certos políticos e o empobrecemento desmesurado de todos os demais. Pode incluso que todas esas cousas lles encanten. Pero mentres a maioría silenciosa non se pronuncie sobre os seus gustos e opinións, nin Rajoy nin o profeta Isaías deberían aventurar unha interpretación sobre o silencio. Porque o silencio é iso, nada. E apelar ao silencio non só non é democrático, senón que lembra perigosamente aos totalitarismos que tanto medo tiveron da expresión en alto da voz libre.