Nin atrasados, nin pobres

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Eurostat, a axencia estatística europea, demóstranos con datos que non somos pobres ni atrasados pero nós non queremos crelo. En Galicia estamos na media da riqueza europea en renda per cápita pero vistas as reaccións diríase que é unha pésima noticia. Non poderemos obter fondos por pobres pero, ao que parece, tampouco estamos dispostos a logralos por ricos competindo en innovación e desenvolvendo as nosas capacidades emprendedoras. Mágoa porque tal como funciona o mundo dende sempre son os ricos e non os pobres os que logran máis recursos, e tal como funciona a UE tamén. A nosa aspiración colectiva non pode ser seguir sendo -ou parecendo- pobres para lograr axudas a fondo perdido. A non ser que queiramos seguir fomentando empregos de conserxe na Deputación de Ourense. Nestas últimas décadas a UE e máis nós funcionamos ben na procura dos anceios da converxencia. Hai máis probas que os datos do Eurostat. Dúas das universidades galegas lograron situarse entre as 500 mellores do mundo, por non falar de sermos o berce de Zeltia, Astano, Pescanova, Gadisa ou Inditex. Encarar colectivamente a crise como atrasados ou como emprendedores marcará a diferenza do futuro que preparemos.

Os habitantes de Galicia fomos identificados e identificámonos co atraso desde mediados do século pasado. O atraso e a súa conciencia de pobreza asociada converteuse nun principio indiscutible ao que dimos en afacérmonos, non obstante as evidencias e datos en contra. Fíxose do argumento do atraso unha inmensa lousa ao convertérmola nunha explicación ahistórica da que sempre podiamos botar man para enfrontar as contrariedades. Esquecémolo pero a crise e o contrabando da austeridade que nos ofrecen levan a recuperar a vella desculpa da pobreza. Das altas maxistraturas ás baixas tabernas a expresión preferida nos últimos tempos é «non hai cartos», nun reflexo condicionado pola memoria do atraso. E isto no país onde o escándalo das preferentes demostra unha notable capacidade de aforro privado. Onde os cálculos da economía mergullada, estimados en torno ao 25 % do PIB, aínda obrigarían a elevar as cifras de Eurostat nunha dimensión que nos situaría aínda por riba da media da UE. E sen ter en conta no lote o atesourado latrocionio do electricista Castiñeiras e outros coma el.

A desculpa do atraso é unha mala conselleira para construir un país que ten máis trazas de naufragar hoxe que cando Avelino Pousa Antelo, ese vello mozo inconformista que nos acaba de deixar aprendía cooperativismo na escola da Granxa Barreiros a mediados do século XX. Se a nosa aspiración é seguir a ser pobres para asegurarnos axudas que gastar ou astesourar o futuro estará escrito no pasado: emigración da xente moza e preparada e un país convertido na «colonia da corte» de Faraldo. A novidade serán os incendios como lacra inevitable dun territorio abandonado.