Aprobadiño

Marina Mayoral< / span> PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

25 jun 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O s reitores das universidades rexeitaron o plan do ministerio de subir medio punto a nota para obter becas. Na actualidade, para as becas ordinarias, que cubren o pago íntegro da matrícula, requírense 5 puntos. Para as becas salario, que engaden unha axuda mensual, 6 puntos. A razón exposta polos reitores para rexeitar o incremento de medio punto foi a crise, porque -dixeron- as familias atravesan grandes dificultades económicas.

As becas de estudos foron pensadas para permitir que persoas intelixentes e traballadoras puidesen acceder ao grado superior do ensino e non é a súa función remediar outras carencias. Corenta anos de experiencia docente permítenme afirmar que en España con frecuencia non son os becarios os mellores alumnos e non é raro que un estudante esgrima como argumento para que lle suban unha nota o feito de ser becario, ata tal punto que se converteu nun lugar común a resposta dos profesores para intentar manter o nivel: «As becas son para as notas, non as notas para as becas».

Se queremos mellorar a educación, hai que fomentar a excelencia: que haxa moitas becas, pero para quen as merece por talento e por traballo. Non todo o mundo ten que ser universitario, só os que por capacidade intelectual e por vocación poden manter un alto nivel; eses son os que deben recibir becas.