Pingas de cristal

Rescate sen recato

foto de María Canosa
Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

N on foi un rescate. ¡Onde imos parar!

Hai que recoñecer que a devandita palabra dá medo. Sería diferente de sermos náufragos, caso no que rescate soa a gloria. Pero sendo técnicos e profesionais, vaiamos á definición do termo: aquilo que se esixe, polo xeral unha cantidade de diñeiro, pola liberdade de alguén. Cando menos, dá que pensar. A liberdade, amigos, ten un prezo. Ou iso din.

Por iso eu estou tan contenta de que non sexa un rescate coma tal. Trátase, simplemente, dun pequeno apoio á banca do país. ¡Claro que si! Coñecidos os últimos desaguisados dos banqueiros, non merecen menos. Comprensión, señores, comprensión. E cartiños.

Como di o presidente, non nos poñamos exquisitos. El non vai discutir o nome da axuda do Eurogrupo. Iso é o de menos. Certamente, leva razón. O nome tanto ten, o importante é o fondo en si.

Fondo que avistamos xa de preto. Así que ademais de rescatados, deberiamos ser recatados, é dicir, decentes, púdicos, pudorosos.

Deixemos de chamarlle liña de crédito ou apoio financeiro. Fóra eufemismos. Deixen de pedirnos que esteamos agradecidos, tómennos en serio. Fagan o seu traballo e collan a besta polos cornos. Xa sei que custa mirar aos ollos do outro, pero é a única maneira de avanzar.