Era un tempo de entusiasmo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O título non é meu, senón de Rafael Dieste, que se refería dese xeito á Segunda República. Pídollo prestado. A nosa xeración, que en tantas cousas parece que ficou atrancada, algo logrou noutras; e en calquera caso, non está acabada. Hai uns días sentiamos tocar a orquestra Sondeseu nas rúas de Vigo, diante do edificio do que foi no seu día despacho e morada de Valentín Paz Andrade, na rúa Policarpo Sanz, e coas arpas celtas soando na beirarrúa, a música folk dos violíns, frautas, zanfonas e percusión, dirixido todo por Rodrigo Romaní, pensei: «Algo se fixo dende aqueles días atravesados dos anos 70»: o Movemento Popular da Canción Galega, antes os Voces Ceibes, a música de Milladoiro e de Fuxan os Ventos, o rock de Bibiano, que sempre estaba «chegando ao mar» dende os estaleiros? Nas gradas da naval bulían os sindicatos, e nos patios dos colexios dos xesuítas, os concertos. Coa policía detrás, repasando as letras, e levándonos a declarar á comisaría porque redactamos un manifesto sobre a situación calamitosa da cultura na cidade de Vigo, «un ermo intelectualmente triste», diciamos.

E os Premios da Crítica no Círculo Ourensán-Vigués, que nacían daquela e seguen vivos. E o teatro en Ribadavia. E o primeiro cine en Ourense. E os rapazolos de Teima, que faciamos o que podiamos. E os de A Nosa Terra, capitaneados por Margarita Ledo. E o movemento agrario, cos encoros e as celulosas brincando de acó para aló. E a primeira consciencia ecoloxista, o feminismo da AGN, as vinte e catro horas de radio en galego na Popular de Vigo, as Mil primaveras para a lingua galega despois, o asociacionismo cultural, do que nestes días está a facer a crónica Ricardo Gurriarán. E os mestres?

Hoxe entregámoslle na casa grande de Rosalía, en Padrón, o Pedrón de Ouro ao movemento da Nova Escola Galega. Mestres e mestras, de ensino primario e secundario sobre todo, botaban a andar nos primeiros anos 80 un pulo asociativo que, arredor da modernización e a renovación da pedagoxía, por un ensino público, laico e democrático, centrados en Galicia e no idioma galego como primeiro espazo de referencia para explicar o mundo, activaban dende a base e cos seus propios recursos una estratexia de acción compartida a prol dunha sociedade mellor, máis aberta, máis democrática, máis nosa. Confluían sensibilidades diversas, mesmo colectivos que nalgúns casos viñan actuando de atrás (o primeiro libro de Xerais en 1979 foi un libro de Matemáticas en galego, asinado polo grupo Vacaloura), os materiais didácticos editábanse a man e por conta dos ensinantes (bioloxía, historia, ciencias sociais)? Unha parte importante do que logo se fixo, e do que agora somos, estaba a nacer alí, con referencias históricas como a de Xohán Vicente Viqueira nos anos 20, pero sobre todo co entusiasmo e a afouteza de estar a construír un novo tempo, una nova realidade. Agasallándoos agora agasallámonos a todos nós, que non renunciamos a nada. Moito máis nestes tempos, que seica volven poñernos a proba.