Cartas de despedimento

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANTIAGO CIUDAD

04 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Son habituais nestes meses. Empezan a acumularse e chegan xa a todos os sectores laborais, á vez que empresarios e emprendedores pechan ou liquidan sen futuro nin remisión. Son tantas que pasan desapercibidas como números dunha listaxe. Na construción despediron a eito cando pararon as obras da burbulla, primeiro aos inmigrantes, axiña aos locais; no comercio pingan sen parar, aos eventuais en todos os sectores industriais, mentres baixaron os salarios aos funcionarios e prescindiuse de feixes de prazas. A última remesa de cartas de despido con data do 2 de maio chegoulle a tres decenas entre o profesorado da USC. O asombroso non é -a estas alturas- o despido senón a falta de reacción, o ollar para outro lado porque «non son despedimentos: acábaselles o contrato», dixo alguén. Un efecto das crises é sempre a insolidariedade, a división que alenta o sálvese quen poida. Por iso se asemellan tanto a un naufraxio.

Os sindicatos, con razón, consideran que o Real Decreto?Lei 14/12 de medidas urxentes provocará grandes males nas universidades. Iso é o xenérico. O concreto é que máis de 30 docentes teñen xa as súas cartas e o prazo fixo da fin de contrato. Como se adoita dicir nestes días, son máis números a engrosar as listas do paro. Nada os distingue doutros centos de parados que coñezo. Aparentemente certo. Por iso quero porlles nome, definilos. Porque é asombroso que máis de 20 superen os 59 anos e leven contratados máis de tres décadas. En ningún sector produtivo deixan de aplicarse mecanismos de prexubilación en casos así, en ningún sector empezan por esta banda de idade os despedimentos. Entre todos reúnen varios exdeputados nos Parlamentos galego e español e un bo feixe de coñecidos docentes que teñen contribuído a definir o que hoxe é a USC en varias áreas de coñecemento.

O caso é que non reúnen os requisitos para continuar como docentes e un baleiro legal pode levalos ao paro, mentres a institución non parece quen de arbitrar unha solución digna que teña en conta que levan máis de 25 anos sen reunir eses requisitos pero si outros, que pasaron sucesivos reitores e vicerreitores sen arbitrar unha solución e que agora tampouco se arbitra, simplemente se extinguen os contratos nunha data fixa. Que isto aconteza nunha corporación tan defensiva como a universitaria é un síntoma de por onde van ir os tempos futuros. Un mal síntoma. Estes despedimentos, sen plan nin remisión, supoñen non asumir o pasado e buscar desculpas nos rigores do presente para non aceitar os erros acumulados, ata caer na indignidade institucional. Non se sabe a estas altura se despedirán a todos, tampouco o contrario. Nos próximos meses veremos quen se salva, como e por que, e quen se afunde como se dun barco á deriva se tratase.