De muller a ministro

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe falo como muller. Esquezan que son escritora, de esquerdas, descrida, e todo iso que, para algúns, me fai menos muller do que debera. Pensen só que quen escribe é muller porque ten certos atributos físicos e vive onde iso é, ademais, identidade. Tamén como muller me abraio ao ler que o ministro de Xustiza cre que moitas vemos «violentado o dereito a ser nais» por unha «violencia estrutural contra a muller polo mero feito do embarazo». E será porque son muller, pero a única explicación que acho para explicar semellante parvada é que o ministro é home e descoñece o que se coce no contubernio das que teñen a regra. Entre nós, Gallardón non debe ter amigas que mudaron a relixión do traballo pola relixión dunha maternidade na que a éxtase se acada cando os pezóns doen de tanto aleitar nenos. Nin debe coñecer unha maltratada que preferiría cen veces parir vinte fillos antes que experimentar a que, segundo a ONU, se considera a única violencia estrutural contra as mulleres.

Como muller, entendo que a maternidade é algo que me vai de seu no corpo, e non me parece nin ben nin mal. En todo caso, haberá que considerar dereito (ou non) a miña opción de romper con esa condición física que afecta á miña vida. Igual que hai homes que queren ser pais e homes que non, e non se expón a paternidade como dereito porque non afecta ao seu corpo. Por iso, e como se dixo nos 80: se nós parimos, nós decidimos. E farémolo digan o que digan, porque o fixemos desde que a muller é muller.

Perdoen. Ao final saíu sen querer o cerebro que tiña agachado neste corpo de femia.