Sexismo e linguaxe

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

08 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

U n reputado lingüista, académico da RAE, publica un informe criticando as guías de linguaxe non sexista publicadas por diversas institucións. De inmediato replican persoeiros do mundo da cultura e da política. O problema que se debate é que as actuais regras gramaticais, defendidas pola Academia e por moitos escritores, non responden á necesidade que sinte gran parte da sociedade de dar visibilidade ás mulleres mediante a lingua. Por exemplo, a utilización do masculino para representar aos dous sexos: un profesor di na clase: «Agora todos os alumnos deben saír ao patio». Os nenos saen e as nenas fican sentadas; non se senten aludidas pola orde.

Na vida ordinaria o problema resólvese con sentido común, pero á hora de expresarse por escrito a cousa non é tan sinxela: o uso de expresións como «nenos e nenas, calados/as, sentados/as... aterroriza a quen pretende facer unha obra artística.

Pedirlle aos gramáticos da Academia que resolvan o problema é pedir peras ao olmo: Nin é a súa función nin saben facelo. A Academia «fija, limpia y da esplendor». Só recolle aquilo xa confirmado polo uso social. Pero si hai que pedirllo aos escritores, sobre todo aos que se sentan na douta casa. Innovar a lingua, transformala para que reflicta a realidade da vida, responder ao que comeza a ser un clamor social, debería ser labor seu. Así que menos bromas cos ourizos e as ourizas, cos soldados e as soldadas, e máis traballar.