Volver a Rosalía de Castro


02/03/2012 07:00 h

N un mundo no que os xenios non morresen, Rosalía de Castro tería feito 175 anos o pasado 24 de febreiro. Escribiría un poema sobre a morte de Murguía, un ensaio sobre o voto feminino na República e probablemente se tería exiliado no 36. Imaxínoa así. En Francia, lendo os poetas románticos sentada nun café, contando versos das elexías aos amigos e dando consellos ás futuras escritoras. Malviviría de colaborar nos xornais progres e dar clases de escritura creativa, ata o día en que todo pasase e puidese volver. Daquela, o Goberno poríalle un piso con vistas á catedral e regalaríalle unha rosa diaria. E ninguén ousaría xamais chamarlle Santiña.

Pero os xenios morren e o tempo esquece. O 175 aniversario de Rosalía non derivou en grandes fastos, un congreso, ou a dedicatoria dunha rúa na Cidade da Cultura. Só activistas con memoria lle fixeron xustiza alí onde puideron. A cousa ás veces vai así cos clásicos: acaban semellando inútiles nos tempos do smartphone, e deixámolos ir sen comprobar que, se Rosalía vivise, probabelmente hoxe estaría en feisbú.

Nun mundo no que os xenios morren, cómpre lembrar estas cousas. ¿Cando deixou de ser guai Rosalía? E se ousamos facela actual, ¿por que non volver a ela no 17 de maio de 2013, xustos 150 anos despois da publicación de Cantares gallegos? Amigos da Academia: a única vez que se homenaxeou a Rosalía, Franco aínda falaba ben e os meus pais ¡nin sequera casaran! ¿Repararon en que Rosalía nunca tivo a oportunidade de que os nenos fagan un mural cos seus escritos feministas polas Letras Galegas? Non hai nada que o impida, por iso o escribo. Pódese facer un mundo no que os xenios non morren.

Votación
36 votos