Páxinas soltas

Odios de clases

foto de Marina Mayoral
Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

A nova regulación laboral do servizo doméstico non satisfai a ninguén e parece que vai fomentar o antigo resentimento entre «criados e señores». O Goberno preséntao como unha mellora das condicións das traballadoras, pero a carga económica desta reforma caerá sobre familias xa dabondo castigadas pola crise. E non vai favorecer ás traballadoras por horas, que son a maioría, un 92 % en Madrid.

As dúas pagas extraordinarias e as vacacións pagadas, que todo o mundo cre que lle corresponden, só se van aplicar a aquelas traballadoras internas ou a xornada completa (40 horas semanais) que cobren menos do salario mínimo interprofesional, 641,40 euros ao mes, ou menos de 5,02 euros á hora. Agora cobran entre 8 e 12 euros, sendo 10 o máis frecuente. Dende a primeira hora a contratante ten a obriga de dar de alta á traballadora na Seguridade Social, e pagar un 18,30 % do salario (a traballadora, un 3,70 %).

As cláusulas escritas do convenio son pouco claras e os teléfonos de información están colapsados. Os foros de Internet botan lume. As contratadoras aseguran que non poden asumir ese novo gasto e suxiren rebaixar a paga por hora. A resposta das traballadoras é irada: «¡Fascista!», «acabouse o tempo da escravitude», «limpade vos a vosa merda», «coidade vos dos vosos fillos»...

Con ese ambiente penso que non van faltar nin despidos por unha parte nin denuncias pola outra e que deberían divulgarse de forma clara os dereitos e deberes de cada parte para non empeorar a situación.