A favor

| FRAN ALONSO |

OPINIÓN

10 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A UNIÓN Europea segue sen saber implicar a cidadanía nun diálogo fluido coas súas institucións. Aínda se ve moi borrosa a imaxe desa nova Europa, a pesar do peso cada vez maior que exerce na vida diaria das persoas. En boa medida débese a que a UE aínda non lexitimou abondo as distintas nacións (os seus pobos) para participaren directamente nas súas dinámicas políticas e nas súas tomas de decisións. En calquera caso, as miñas conviccións europeístas e a necesidade de afondar nun espazo político e social europeo sitúame cos partidarios do si. Tamén está clara a posición da dereita española, entre un Fraga que pregoa a abstención e un Rajoy que suxire ás agachadas que preferiría unha vitoria do non. Máis alá da hipócrita postura oficial, os desexos da dereita son evidentes, porque en Europa quen máis ten que perder é o discurso agresivo e reseso do nacionalismo español. O tratado constitucional espántame nalgúns puntos e entusiásmame noutros. Recoñezo, apesarado, o exceso de prevalencencia da política monetaria e comercial da UE ao longo de todo o texto; é ben certo que outra Europa é posible, outra Europa construída desde a solidariedade planetaria. Este, sen dúbida, non é o modelo de tratado que eu defendería a corazón aberto, pero constitúe un modelo base (que, por certo, afortala algunhas cousas importantes) para avanzar na necesaria configuración dun espazo político e social europeo. E, de feito, non estamos ante un texto definitivo, pois o seu carácter de tratado (non de constitución) sitúao como un paso máis elevado no camiño da vertebración sociopolítica do vello continente. Hoxe a tecnoloxía e as novas comunicacións obrígannos a medir o planeta con outras dimensións. Este novo avance na construción de Europa leva implícito un novo modelo para os estados: estes baléiranse de moitos dos seus contidos para integrase nunha estrutura xerárquica superior, que debe buscar novas fórmulas de representatividade. Certo é que este texto ten importantes carencias na demanda dunha Europa máis social, máis plurinacional e máis solidaria. Pero tamén o é que resulta imprescindible a creación dunha nova orde internacional que non estea liderada polo imperialismo americano e que dea pé a solucionar algúns dos máis graves conflitos internacionais de hoxe. E o tratado constitucional posibilítao, ao tempo que constrúe unha Unión Europea máis independente. Por outra banda, é máis que dubidable que o triunfo do non supuxese a redacción doutro texto máis progresista. Todo o contrario: significaría o regresivo retorno ao Tratado de Niza. Este novo tratado constitucional posibilita, desde a súa timidez, que Europa comece a camiñar cara a ese novo espazo social, integrador e solidario, moi distinto do que coñeceu a nosa emigración. Os galegos posuímos a herdanza dun dos maiores símbolos do intercambio entre as distintas culturas de Europa: o camiño de Santiago; desde a lírica medieval ao románico do Pórtico da Gloria toda a nosa tradición está transida polo espírito constructivo do europeismo. Que así sexa para sempre.