A batalla de Montevideo

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

10 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

EN 1954, o galeguismo resistente (interior e exterior) desenvolveu unha acción internacional de denuncia que a miña xeración non vivíu, pero da que sentimos falar moitas veces: a difusión dunha especie de memorandum de agravios, un chamamento xeral, diante dos estados democráticos de todo o mundo, advertindo da situación de abaixamento e persecución da lingua galega na dictadura franquista. Catro anos antes morrera Castelao en Bos Aires. En 1951 creárase a editorial Galaxia, nunha estratexia consciente, dende o interior, de establecer vías de resistencia para a longa viaxe que se anunciaba. O réxime de Franco conseguía os seus primeiros apoios internacionais (acordos cos Estados Unidos, fundamentalmente) e a saída da dictadura, que nalgún momento se vira próxima, despois da victoria das democracias na Segunda Guerra Mundial sobre todo, adiviñábase cada vez máis lonxana. Eran os tempos da Guerra Fría. Nunha acción coordinada dende Galicia (Ramón Piñeiro e o grupo Galaxia) e dende o exterior (Rodolfo Prada e as comunidades de América), o galeguismo presenta na VIII Conferencia da UNESCO, reunida en Montevideo, un documento que ollado agora coa perspectiva de cincuenta anos ten carácter histórico: Denuncia da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol (na grafía característica dos textos que se producían na Arxentina daquela). Diante da máis cualificada representación internacional, e diante do abraio da delegación oficial do réxime franquista (Ruiz Giménez, Laín Entralgo e Fraga Iribarne), Galicia reclamaba os seus dereitos. O profesor Alonso Montero, atento sempre á recuperación da memoria, vén de exhumar o documento (32 páxinas), con anexos e estudio previo (Xerais). A historia social da nosa lingua ten capítulos aínda non ben coñecidos. Este é un deles. En 1952 o réxime de Franco lograra ser aceptado no foro internacional da UNESCO, non sen protestas cualificadas, entre elas a de Albert Camus, que logo sería Premio Nobel de Literatura, e dos intelectuais galeguistas, cataláns e vascos, ademais doutras forzas do exilio. Era a primeira gran victoria diplomática do réxime triunfante na guerra civil, anuncio de outras que logo virían: a súa incorporación á ONU en decembro de 1955. En 1952, a Dirección Xeral de Prensa (Juan Aparicio) prohibira a publicación dos cadernos Grial, que non volverían sair ata 1963, consentidos polo propio Fraga, curiosamente. Pouco antes, Manuel Gómez Román tivera que ler en castelán o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega porque a autoridade gubernativa non autorizou que se fixese en galego. A idea de utilizar a lingua fóra dos ámbitos do ruralismo ou do folcklore (entendela, en definitiva, como ferramenta moderna de cultura) era unha audacia que o réxime consideraba unha provocación. «Faltas de ortografía en el alma y en la pluma...», denunciaba Juan Aparicio dende as páxinas do xornal madrileño Pueblo referíndose aos promotores da revista. E engadía: «... habría que someterlos a una cura psicoanalista o traerles a Madrid por las buenas o por las malas para que tonifiquen su sistema moral y su sistema nervioso en el complicadísimo torneo». Documentos para a historia, que é a nosa, e que deberiamos ter máis presente. Ás veces cremos que as cousas viñeron regaladas, e non.