Víctor Corral: «Agora colgan un iogur dun cordón e din que é arte, pero é un cachondeo»

Jorge Casanova
JORGE CASANOVA BAAMONDE / LA VOZ

CULTURA

Oscar Cela

19 dic 2014 . Actualizado a las 08:36 h.

Pasear polo xardín da casa museo de Víctor Corral (Baamonde, 1937) ten algo de onírico, de surreal. Por todas partes xorden pedras talladas coa forma dunha lebre, dun Cristo redentor, dunha pomba ou de calquera outra cousa. O xardín e a casa son a obra de toda unha vida deste escultor autodidacta, con ramalazos de xenio e capaz de tallar o máis simple e o máis complexo. Ten obra repartida por medio mundo e a visita á súa casa museo (guiada polo propio autor) é unha experiencia que non deixa indiferente a ninguén.

-¿Cando se deu conta de que quería ser artista?

-Eu fun pastor de vacas e de ovellas e labrego ata os 18 anos. Xa facía entón esculturas no monte. Ata nos cornos das vacas gravaba coa navalla.

-Pero chegou a estudar nalgunha escola de arte...

-Na Coruña, onde estivo Picasso. E en Barcelona. Pero teño que dicir que nas escolas que estudei non aprendín practicamente nada. Un artista ten que ter arte e creatividade.

-¿Sigue traballando?

-Non. Hai tres anos que non traballo. Dóenme as mans. Botei sesenta anos facendo esculturas e montei máis de trinta exposicións. Cando estaba Clinton invitáronme a ir a Nova Iorque, pero non fun. Para min, este paraíso é o primeiro. Non me interesan as grandes cidades.

-¿E bótao de menos?

-Non. En absoluto. Agora coido o xardín, atendo a xente que está de visita e á familia. Teño dúas fillas e dúas netas. Unha pinta rosas de color e outra reza ao señor. É un anxiño.

-Elaborou miles de obras, ¿ten algún orgullo especial?

-Algún si. Unha vez veu un xogador do Breogán que se chamaba Orange e quixo mercar unha imaxe relixiosa. Púxose de xeonllos é era máis grande ca min.

-¿Que opinión lle merece o arte moderno?

-Hai cousas coas que non estou dacordo. Agora colgan un iogur dun cordón e din que é arte, pero non é arte, é un cachondeo, con perdón de quen o fai. O que pode facer calquera o día de mañá non vale nada.

-¿Algún artista favorito ao que admire especialmente?

-Moitos. Houbo un tempo no que me gustaba especialmente O Greco. Coa súa obra avanzouse moitos anos.

-Vostede puido vivir do arte, que é máis do que moitos poden dicir.

-Tiven que traballar doutras cousas, pero finalmente puiden vivir do arte. E cheguei a ter encargos para dous e tres anos.

-¿E non chegou a rico?

-Nunca intentei facerme rico. Con vivir comodamente en Galicia coa miña familia xa me chega.

-¿Xa no vende nada?

-Non, porque me quedaría sen obra no museo.

-Dígame, ¿que é o máis importante na vida?

-O máis importante é ser boa persoa. Fagas o que fagas. Ao menos iso é o que eu sempre tentei.