«Un neno na emigración»

X. F.

CULTURA

Francisco Álvarez «Koki». Ilustracións de Marta Iglesias. Edicións do Cumio. 34 páxinas. 12 euros

15 dic 2014 . Actualizado a las 08:22 h.

A emigración é unha experiencia que adoita marcar en boa medida a quen a vive, ben porque se establece noutro país, ben porque despide a quen marcha. Malia ofrecer unha valiosa materia prima literaria, son aínda escasas as obras que a exploraron, e menos aínda as que se ocupan dela dende unha perspectiva infantil. Francisco Álvarez Koki (A Guarda, 1957), afincado en Nova York hai anos, é un bo coñecedor deste territorio. Agora vén de publicar Un neno na emigración, que ten por protagonista a Breogán, un neno galego que chega con tres anos ao barrio neoiorquino de Astoria, onde xoga con rapaces de todas as culturas e aprende as súas linguas, sen por iso deixar de coñecer a o seu país de orixe. Breogán emprégaa, por exemplo, para falar por teléfono cos seus avós, a diferenza doutros fillos de emigrantes que só coñecen o inglés e por iso mesmo se rompe o vínculo comunicativo coa xeración dos maiores. Breogán tamén coñece Galicia e ten boas lembranzas das súas visitas a Santiago, A Coruña, Lugo ou Ourense, por exemplo, sitios dos que fala con agarimo cos seus amigos cando regresa a Estados Unidos. Un neno na emigración ten unha edición trilingüe, en galego, castelán e inglés.