María Solar recolleu o Lazarillo por «O meu pesadelo favorito»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Solar, á esquerda, recibiu o premio canda Maite Muturberria.
Solar, á esquerda, recibiu o premio canda Maite Muturberria.

Dedicoulle o premio a Ana María Matute, gañadora en 1965

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de xuño pasado faleceu Ana María Matute e, como xornalista, María Solar (Santiago, 1970) tivo que informar da perda desa extraordinaria autora. Mais como escritora, esa mesma noite, Solar retomou a novela que tiña empezada e, como homenaxe, bautizou un personaxe como Arsenio Matute. Onte, por ese libro, O meu pesadelo favorito, Solar recolleu en Madrid o premio Lazarillo, un galardón que a propia Ana María Matute gañara en 1965 por El polizón del «Ulises».

O Matute imaxinado pola escritora galega vende «olores de recordos e recordos de olores», describe a súa creadora, «como o olor do primeiro amor; non o amor en si, senón o seu recendo». É un bo exemplo do espírito de O meu pesadelo favorito, que ten como protagonista un neno con febre a quen os antitérmicos que lle subministran os seus pais teñen o efecto secundario de producir uns soños do máis fantasioso. «Sempre me interesou o absurdo, e esa perspectiva do onírico me permitía introducir eses personaxes do máis fantástico», lembra Solar. Cada un deles aparece nun delirio febril, nunha sucesión que segue o ronsel de Alicia a través do espello, de Lewis Carroll, e cuxas historias confluirán no derradeiro soño, este xa cunha temperatura normal, da novela.

Con todo, malia ao recurso do marabilloso, como xornalista María Solar sabe que a realidade ofrece episodios que nin soñaría o maxín máis prodixioso. «Hai pouco soubemos duns cans que naceron verdes, e iso tiña a súa explicación, porque tragaran biliverdina. Ou outra noticia, a dun xemelgo que naceu un mes despois do irmán. Quen o ía imaxinar?», detalla a escritora. Alén da fantasía, estes xogos entre realidade e ficción teñen outra misión importante: «Ás veces tomamos por raras cousas que logo, se as examinamos dende outro punto de vista, xa non nolo parecen. E iso é o que lle acontece ao protagonista desta historia, que aos ollos da xente é un neno raro, pero non o é tanto».

Noticia transatlántica

Solar recibiu a noticia da concesión do Lazarillo a semana pasada na outra beira do Atlántico, cando se atopaba participando na Feira do Libro de Guadalajara, en México. Unha coincidencia que lle permitiu explorar a posibilidade de que O meu pesadelo favorito se poida publicar en diversos países de América Latina. Galaxia publicará a versión orixinal galega, ilustrada por María Lires, e hai conversas para editar o libro noutras linguas cooficiais.

Malia recibir o Lazarillo e outros galardóns como o Frei Martín Sarmiento, Solar cre que non hai que «obsesionarse». «Hai que escribir libremente, e se sae un premio, ben, pero que non cho dean tampouco significa nada negativo. A literatura ten que ser libre para facer o que queiras», observa.

O Lazarillo na modalidade de álbum ilustrado gañouno El país donde habitan las cigüeñas, de Maite Muturberria Larrayoz e con texto de Marta Núñez.