Pantallas a exame: lecer dixital seguro para os pequenos da casa

La Voz

CULTURA

29 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas tecnoloxías tiveron o seu lugar neste novembro de ciencia que acolleron as bibliotecas. As vantaxes e os riscos que leva parello o uso de pantallas sometéronse a análise nunha actividade que tivo lugar o pasado día 13 na biblioteca Ánxel de Casal, de Santiago. Videoxogos, tecnoloxía e familia foi o título da charla coloquio que ofreceu nese espazo de aprendizaxe e lecer cultural a empresa Imaxin, que conta cun equipo pedagóxico especializado en videoxogos e na súa aplicación educativa e familiar. «Centrámonos nos teléfonos móbiles, nos videoxogos, a televisión e Internet -explica Silvia López, pedagoga de Imaxin-. E para iso estruturamos a charla en tres bloques: coñecer, protexer e educar». Tres verbos chave para abrir portas nun mundo máis descoñecido do que en principio pode parecer: coñecer as posibilidades que ofrecen algunhas das novas tecnoloxías máis presentes na vida cotiá, comenta Silvia López; protexer aos pequenos da casa dos usos perigosos; e educar á familia para axudala a desenvolver hábitos responsables ante as pantallas. Un deles, o tempo. ¿Onde fixamos o límite para un lecer dixital adecuado? «Ese límite pode estar nuns quince ou vinte minutos para un neno de 5 ou 6 anos», apunta a pedagoga de Imaxin, quen advirte que non existen «fórmulas máxicas» no control da exposición a móbiles, ordenadores ou tabletas, mais si pautas e recursos, como www. protegeles.com, dun lecer dixital que sabe onde se move e a que perigos se expón.